A aula CeMIT de Boiro retoma con catro cursos a súa actividade presencial

A aula CeMIT de Boiro, o punto neurálxico da formación tecnolóxica local, retoma este mes de setembro a formación presencial, seguindo rigorosas medidas de seguridade e distanciamento. Ao abeiro desta recuperación da actividade tradicional o Concello e a asociación ComparTIC desenvolverán unha serie de cursos de informática. Haberá obradoiros de formación presencial, que se suspenderon durante o confinamento, cun total de catro cursos. A aula CeMIT boirense está situada nas dependencias do Centro Social de Boiro.

O primeiro dos cursos que se vai impartir é o de Inicio á Informática, os días 7, 8, 9, 10 e 11 de setembro. Vaise impartir tamén un de Inicio a Internet, os días 14, 15, 16 e 17. O de Trámites online, co que se van achegar as directrices básicas para facilitar xestións en Internet, será os días 28 e 29 de setembro, e tamén se vai impartir un obradoiro de Sistema de videoconferencias que será os días 30 setembro e 1 de outubro.

O horario de todos os cursos vai ser de 10:00 a 12:30 horas. As inscricións para todos os cursos de setembro están xa abertas e poden facerse no enderezo electrónico axentetic@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35. Ademais dos cursos presenciais, desde a aula CeMIT séguense a impartir cursos online de diversas modalidades.