
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este 21 agosto a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula a aplicación móbil PassCOVID, que desenvolve a Xunta de Galicia como medida complementaria para loitar contra a pandemia e como recurso interoperábel coa ferramenta que tamén prepara o Goberno central e á que se vén de adherir, precisamente, a Consellería de Sanidade: a ferramenta Radar COVID.
Segundo informa este departamento da Xunta, PassCOVID actuará como canle telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo de Saúde e a Central de Rastrexo de Contactos e a aplicación estatal Radar COVID, como un complemento para a localización automática de contactos. “A través de PassCOVID”, engade Sanidade, “recibirase o código alfanumérico que debe introducirse en Radar COVID no caso de que, de forma voluntaria, a persoa desexe reportar o positivo”.
Entre as funcionalidades que integran á aplicación galega tamén se atopan a de achegar información relevante e consellos sobre a evolución da COVID-19 en Galicia, anunciar a adopción de medidas ou os protocolos vixentes, e mesmo trasladar recomendacións sobre o xeito de como afrontar a actual situación sanitaria.
O novo sistema de información, en fase de pilotaxe arestora, estará dispoñíbel (con portal de seu en passcovid.xunta.gal) para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles, e poderá ser utilizado por calquera persoa, maior de idade, que resida ou se atope temporalmente na Comunidade.
O sistema será completamente voluntario: “A persoa que descargue a aplicación poderá optar por identificarse empregando o sistema de identificación seguro Chave 365, o que lle permitirá acceder a todas as funcionalidades de PassCOVID; ou escoller un perfil anónimo, en cuxo caso a aplicación lle proporcionará información xeral e consellos sobre a situación da pandemia”.
O obxectivo é que a información xerada sexa “personalizada”, no caso dos perfís identificados; e “local”, no que atinxe aos usuarios que activen voluntariamente a xeolocalización. Isto último permitiralles recibir alertas sanitarias da zona de Galicia na que se atopen.
En definitiva, PassCOVID servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns con información sobre novidades e evolución da pandemia; zonas de risco; datos; indicadores xerais e por concello; recursos e servizos dispoñíbeis; e recomendacións e información sobre protocolos de protección e seguridade aplicábeis en cada momento e lugar.