Con motivo das eleccións autonómicas deste domingo 12 de xullo de 2020 e para garantir a máxima seguridade da cidadanía no seu achegamento ás mesas electorais, o Concello de Rianxo traballou nun exhaustivo protocolo baseado nas directrices da Xunta de Galicia, protocolo cuxos principais detalles veñen de publicarse no Facebook municipal.
Nel especifícase que no acceso ao Auditorio de Rianxo (local electoral) só poderán entrar pola porta principal as persoas que voten nas mesas do primeiro andar (distrito 01 sección 002, mesa a; distrito 01 sección 002, mesa b). As portas da zona traseira deberán ser empregadas para quen vote no corredor do andar baixo (distrito 01 sección 001, mesa a; distrito 01 sección 001, mesa b). Polo que se refire á porta lateral (a da explanada da área de estacionamento) do Autorio, só poden acceder os cidadáns que voten nas mesas da sala multiusos do andar baixo (distrito 01 sección 003, mesa a; distrito 01 sección 003, mesa b).
Polo que atinxe ao Colexio de Cruceiro, en Taragoña, a disposición queda da seguinte forma:
1. Porta principal do colexio de Cruceiro soo poden acceder as persoas que voten na mesa: distrito 03 sección 001, mesa a.
2. Porta traseira do colexio de Cruceiro, (acceso a porta xunto ao parque infantil) só poden acceder as persoas que voten na mesa distrito 03 sección 001, mesa b.
No capítulo de disposicións xerais, establécese o seguinte:
· Aos espazos electorais só poderán acceder persoas que exerzan o seu dereito a votar, sen acompañantes agás que precisen asistencia.
· Terán prioridade as persoas votantes de máis de 65 anos ou con algún tipo de discapacidade.
· Será obrigatorio o uso de máscara e de desinfectante nas mans.
· Terán que evitarse en todo intre as aglomeracións.