Hoxe, domingo 19 de xullo, tivo lugar a VI Carreira pola Diversidade, edición virtual, baixo o lema “Unindo Qm de accesibilidade”. Un evento solidario e pioneiro na nosa comarca, cuxo obxectivo é seguir visibilizando e promovendo o deporte inclusivo, ademais de romper as barreiras coas que se atopan as persoas con diversidade, en prol dunha sociedade máis xusta e equitativa.
Esta sexta edición, contou coa peculiaridade de que cada participante escolleu a súa propia ruta tendo en conta a accesibilidade da mesma. Un total de 135 persoas uníronse á Carreira pola Diversidade nas modalidades existentes (Cadeira de Atletismo, Hand Bike, Zapatilla e Andaina). Destacando a presenza de atletas de recoñecido prestixio como Mila López Vernet, Álvaro Illobre, Alex Ferradas, María Vilas, Sabela Pensado, Juan Carlos Brión e José Lojo, entre outros.
Contamos tamén coa participación de clubs deportivos da comarca como o “Club de Natación Ribeira”, a “Escola de Boxeo el Canario” “Triatlón Boiro” “C.C.Riazor” “Miler” “Sachacamiños” “San Miguel de Marín” “Team Shark Narón” e“Tri Nat”.
Ademais CONGALSA participou con 22 persoas do seu equipo de traballadoras/es.
A Carreira pola Diversidade, é unha das primeiras probas en toda Galicia que ofrece unha modalidade virtual. Na que ademais contamos con rutas realizadas tanto na comarca da Barbanza como en Caldas de Reis, Carnota, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilalba e incluso Cádiz e Francia.

Trofeos conmemorativos
O reto desta edición consistiu en rexistrar circuítos accesibles para a práctica deportiva ao aire libre, polo que non se deron relevancia aos tempos de execución senón á accesibilidade e calidade dos mesmos. Recibirán o galardón: • Club/equipo con maior número de participantes: Escola de Boxeo El Canario
• Club/equipo inclusivo máis numeroso: Ambar
• A familia máis numerosa: Martínez Paz
• Concello con máis rutas rexistradas: Ribeira
• Organización co maior número de participantes: CONGALSA
Cada equipo, familia, concello e organización recibirá un trofeo conmemorativo, deseñado por Manuel Vilas, artista do obradoiro de Ambar. A entrega farase na vindeira semana.

Grazas por sumar accesibilidade
Grazas ás persoas colaboradoras e participantes, recadáronse máis de 500€ . Toda a recadación do evento será destinada á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID-19, para as persoas con diversidade intelectual.
Con isto, poderemos seguir traballando pola inclusión e benestar das persoas con diversidade funcional.
A VI Carreira pola Diversidade chegou nada máis e nada menos que a 135 persoas inscritas e 15 vilas distintas.
“Esta edición, goza da peculariedade de querer sumar km de accesibilidade en toda Galicia”. Milagros Pérez Rey, presidenta de Ambar.

Sobre a Carreira pola Diversidade, un evento pioneiro
A Carreira pola Diversidade naceu no 2015, sendo a segunda carreira en toda Galicia que contemplou as modalidades de Cadeira de Atletismo e Hand Bike, e a primeira en dispoñer de categoría de zapatilla inclusiva en toda Galicia.
Ata ese intre, as únicas probas deportivas que incluían a categorías inclusivas foran as realizadas na cidade de A Coruña e Lalín. A Carreira da Diversidade superou en máis dun 150% a participación de persoas con diversidade funcional destas dúas probas, o que nos puxo á cabeza das carreiras deportivas desta índole. Ademais, este evento contou nas
diferentes edicións coa participación de deportistas paralímpicos de elite como Mila López Vernet, Álvaro Illobre ou José Manuel de la Iglesia. Así mesmo, para a promoción da carreira contamos co respaldo de grandes atletas e deportistas recoñecidos como Fabián Roncero, Jesús de la Osa, Fernando Romay, Killian Jornet, Marta Arce, Sabela Pensado ou
Carlos Brión.
Na actualidade máis de 15 concellos galegos seguen o exemplo, favorecendo a práctica do deporte inclusivo.