Estabilizado o lume de Nebra, que afectou xa a 35 hectáreas

O lume de Nebra visto dende a praia nunha imaxe da TVG

Porto do Son, e máis concretamente a parroquia de Nebra, onde onte pola tarde foi declarado un incendio forestal que decontado motivou a declaración de Situación 2, amenceu este mércores 22 de xullo cun algo máis de tranquilidade, ao comunicar a Consellería de Medio Rural que o lume quedou estabilizado logo de afectar a unha superficie provisional de 35 hectáreas.

O parte foi emitido este mércores ás 9.00 horas, logo do reinicio dos traballos de extinción dende o aire. Por certo que a Situación 2 fora declarada pola proximidade das lapas ao núcleo de Queiro.

Este incendio (o terceiro no concello en cuestión de poucos días, logo do de San Pedro de Muro e do monte Enxa) comezaba ás 16.51 h. da tarde de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie aproximada de 35 hectáreas, sendo esta medición provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 15 axentes, 22 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.