Esta mañá chegaron ao porto de Escarabote os primeiros visitantes das
rutas en barco pola ría de Arousa para visitar a mostra etnográfica Mar de Boiro que o Concello de Boiro organiza este ano no Centro Social de Escarabote. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e José Manuel Fernández, vicepresidente de AGAN, recibíronos esta mañá e realizou con eles a primeira visita á mostra de artes de pesca.
Os visitantes, que veñen de Cataluña, van pasar seis días nun veleiro,
navegando polas rías baixas e parando en varias vilas para coñecer a historia da ruta atlántica dos fenicios e os celtas. O porto de Escarabote é unha das paradas do segundo día de travesía, no que os viaxeiros van coñecer e familiarizarse coa tradición pesqueira do municipio de Boiro.
O Concello de Boiro e a Asociación de Etnografía de Terra e Mar (AETEMA) promoven esta exposición etnográfica “Mar de Boiro” na que os visitantes poderán descubrir, da man de Xaquín España, o marisqueo a pé, o marisqueo a flote, marisqueo con nasas, pesca de baixura e produción do
mexillón e mostra a evolución dos aparellos de pesca ao longo do tempo.
O grupo de cinco persoas que chegou esta mañá ao porto de Escarabote foi o primeiro en visitar a mostra etnográfica Mar de Boiro que o Concello abriu este verán en Escarabote. “A apertura desta exposición e a coordinación con estas viaxes gracias a AGAN son unha aposta moi importante para o turismo e para Boiro” afirmou o alcalde de Boiro.