Ribeira presenta ante as empresas a súa innovadora plataforma de ecommerce

12 Xuño 2020

Ribeira deu un novo paso na súa aposta tecnolóxica: unha aposta por impulsar, no tecido produtivo, novos xeitos de producir, vender e traballar. Este venres 12 de xuño foi unha data relevante nesta liña de traballo, xa que se presentou a nova plataforma local de comercio electrónico, ultimada estes últimos días polo Concello e a empresa Tokapp, responsábel da aplicación móbil do mesmo nome (con vertentes para colexios, concellos, etc). A ferramenta presentada en Ribeira será de balde e incluirá, entre outros contidos, unha sección de venda online para os negocios de todo o termo municipal.

A cita, celebrada no Auditorio, foi unha xornada implicadora. De feito, o obxectivo último e principal deste desenvolvemento tecnolóxico é lograr a máxima participación do tecido produtivo de Ribeira, que terá ao seu alcance un instrumento de utilidade, con presenza nos dispositivos móbiles, para incrementar as súas vendas online, ampliar mercado e, en consecuencia, blindar a actividade fronte a adversidades coma ao da COVID-19.

A plataforma abéirase ás medidas de innovación tecnolóxica incluídas no marco do Plan Reactiva Ribeira subscrito o pasado 23 de maio coa fin de paliar os efectos da crise da COVID-19 no termo municipal.

Segundo fixo saber na xuntanza o alcalde, Manuel Ruíz, trátase dunha ferramenta na que se leva traballando dende outubro, pero que tivo que ser formulada polas circunstancias da pandemia que aínda seguen vixentes e se deixan sentir. Tamén explicou que será un servizo de balde cuxo mantemento correrá a cargo do Concello, e que a previsión é a de conseguir que a descarguen entre 13.000 e 15.000 persoas. “Será un pequeno Amazon local aberto tamén á xente de fóra”, engadiu.

Na cita coas empresas do municipio participaron o rexedor e os concelleiros de Innovación Tecnolóxica e de Turismo e Comercio, Ana Barreiro e Ramón Doval. A persoa encargada de explicar nos seus detalles o proxecto tecnolóxico foi Edelmiro Justo, co-fundador de TokApp, empresa con sede en Vigo e presenza en dez países, que, como dixemos, é a encargada do desenvolvemento da ferramenta.

Segundo engadiron, a aplicación terá unha dobre vertente. Por unha banda será un recurso de eAdministración, permitindo á cidadanía comunicarse co Concello e realizar todo tipo de xestións, coa “mesma validez legal cós burofax e cumprindo coas normas de seguridade e privacidade esixidas”. Pola outra, a app estará vinculada a unha potente e versátil plataforma de comercio electrónico na que os comerciantes poderán poñer á venta os seus produtos ou lanzar ofertas e campañas de promoción, ademais de ter a posibilidade de formalizaren citas previas. Poderanse facer buscas por sectores, tendas ou servizos e tamén se brindará a alternativa de buscar por negocios máis próximos á situación actual do usuario.

TokApp xa ten presenza no municipio, pois o Colexio Bayón e o Conservatorio Enrique Paisal contan con cadansúas aplicacións desenvolvidas por esta empresa, como tamén a FEGAMP ou o Concello de Pontevedra: unha cidade na que a súa app institucional conta xa con 40.000 descargas para unha poboación de 83.000 habitantes.

O alcalde avanzou que nunha próxima fase preténdese renovar a páxina web municipal e o apartado específico dedicado ao turismo.

Outros artigos

O “Santa Isabel” protagonista dun artigo no diario “El Debate”

O xornal dixital "El Debate", publica este sábado un amplo artigo sobre o naufraxio do vapor-correo Santa Isabel do que recentemente se cumpliron 105 anos y en el que murieron 213 personas. O artigo leva por título "La gesta de las heroínas de Sálvora y Cebreiro,...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Moitos non teñen avoa”. Luís Celeiro

“Moitos non teñen avoa”. Luís Celeiro

A Xunta de Estremadura, a través dun decreto publicado en xaneiro deste ano, concede axudaseconómicas para contratar aos avós que coiden dos seus netos. A nova apareceu publicada nosdiarios e a moitos lectores sorprendeunos. As avoas e tamén os avós eran (e son)...

“Diplomacia, moralidade ou caer da burra?” – Antón Luaces

“Diplomacia, moralidade ou caer da burra?” – Antón Luaces

O bloqueo petroleiro contra Cuba foi condenado pola Organización das Nacións Unidas (ONU). Ao mesmo tempo, este organismo internacional anunciou o despregamento de axuda humanitaria tendente a paliar a crise enerxética e alimentaria que, por tal medida coercitiva,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.