Mañá comeza a campaña extractiva do polbo, da nécora e do lumbrigante en Galicia

30 Xuño 2020

Mañá a partir das 05:00 horas comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2021 que se fixará a través do correspondente plan e se publicará antes do seu comezo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2020/2021. Ademais, tal e como establece o plan xeral de explotación marisqueira vixente, mañá tamén comeza a campaña extractiva da nécora e do lumbrigante, que permanecerá autorizada ata o vindeiro 31 de decembro, día incluído.

En canto ao polbo, o plan consensuado pola Consellería do Mar e o sector para esta especie permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este documento, a partir do día 1 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto de campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05:00 horas- e finalizará ás 16:00 horas. Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16:00 horas do venres ata as 06:00 horas do luns. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.

En canto ao réxime de calamento das nasas de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.

Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levarse a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.

Nécora

En relación coa nécora, as medidas de xestión para a súa explotación desenvólvense nun plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa para nécora e camarón. A vixencia deste plan é ata o 30 de xuño de 2021.

Nel establécese o número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo. Ademais especifica que o horario de lance de nasa de nécora e camarón será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo, nas que o calamento tamén poderá ser diúrno. Unha vez cumprido o horario de traballo, deberán ser levadas a porto diariamente

Outros artigos

Galiza Nova lanza a campaña “As caras de Altri”

Co encoro de Portodemouros de pano fondo, en Arzúa, a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou este venres 24 de maio a súa campaña As caras de Altri coa que pretenden poñer o foco "nas persoas concretas responsábeis" da macrocelulosa que Altri pretende...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“España no va como un cohete”. José Castro López

“España no va como un cohete”. José Castro López

La Comisión Europea eleva al 2,1 por cien el crecimiento del Producto Interior Bruto(PIB) en 2024, cuatro décimas por encima de pronósticos anteriores, prevé que Españacumplirá el objetivo del 3 por cien del déficit que exigen las reglas fiscales, espera quecontinúe...