Un mes extra para recoller cría do mexillón a cambio de 50 quilómetros menos de costa

27 Maio 2020

A Consellería do Mar puxo enriba da mesa ante os representantes das federacións de confrarías de pescadores e das asociacións de bateeiros, unha proposta intermedia ás demandas de ambos co obxectivo de preservar a extracción de percebe e de mexilla e na procura da convivencia de ambos sectores. Tendo en conta as circunstancias, e para o contexto actual, marcado pola crise do coronavirus e a escaseza de cría de mexillón, a Consellería do Mar suxire a prórroga excepcional dun mes para a extracción de cría da mexilla en todo o litoral de Galicia a excepción de 16 zonas que suman 50 quilómetros dos 1.673 en total que suma o litoral das provincias autorizadas á explotación (A Coruña e Pontevedra) e que son sensibles para a extracción do percebe.

Esta prórroga viríase sumar a outras medidas extraordinarias xa postas a disposición dos bateeiros para que poidan cubrir a demanda de mexilla como son a opción de ampliar as cordas colectoras de mexilla nas bateas con 50 unidades máis por batea a maiores das 100 que se lle autorizan de maneira habitual e tamén a posibilidade habilitada a través de Portos de Galicia de extraer cría de mexillón no interior dos espazos portuarios. Así llo trasladou a titular de Mar aos representantes das confrarías e dos bateeiros durante a reunión mantida hoxe no Intecmar na que tamén estiveron as directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto.

En canto ás zonas que se limitan á extracción de mexilla, Rosa Quintana, explicou que dez están na provincia de Pontevedra. Trátase de Costa da Vela, Illas Estelas, Punta Boi-Parador, Silleiro, Monte Lourido, Punta Orelluda, Portocelo-Agoeira, Cala da Cetárea, Punta Xinete e Loucenzas e Ribel. As outras seis, que están na provincia da Coruña, son Mera, A Torre, Roncudo, A Barca, Couso e Sagres.

Esta proposta -que agora os representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros deberán expor aos seus socios- realízase no marco dun contexto no que, subliñou a representante de Mar, “hai pouca abundancia de mexilla para os bateeiros e de especial necesidade para os percebeiros que, como consecuencia do coronavirus, non puideron traballar con normalidade”. Agora, subliñou a titular de Mar, “esperamos que tanto os representantes do sector bateeiro como os das confrarías acepten esta proposta, que reine a paz e que os dous sectores poidan convivir como levan facendo toda a vida, respectando os dereitos de ambos sectores, porque Galicia non se entende sen ningún deles”.

Esta reunión súmase a outras dúas mantidas este mes cos representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros de cara a mellorar a xestión da extracción da mexilla e do percebe e enmárcase no seguimento que está a realizar a Consellería do Mar neste eido e no contacto permanente que mantén cos bateeiros e percebeiros. O obxectivo é atallar as discrepancias que se rexistran entre ambos colectivos que coinciden en zonas de traballo, acadar unha solución que satisfaga a todas as partes e ao mesmo tempo a explotación responsable de percebe e de mexilla, dous recursos de grande importancia para Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...