Galicia autoriza a pesca marítima recreativa atendendo ás condicións do Estado sobre a práctica deportiva na situación de alerta sanitaria polo coronavirus

05 Maio 2020

A Xunta autoriza a actividade da pesca marítima de recreo en calquera das súas modalidades, sempre e cando se faga de xeito individual e respectando o establecido nas ordes estatais sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e a que fixa as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado.

Así o acordou hoxe o Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria en Galicia (Cecop), que autoriza esta actividade tendo en conta que se trata dun deporte individual ao aire libre, que non require contacto con terceiros e que permite gardar as distancias de seguridade establecidas polo Ministerio de Sanidade. En base a isto, a Administración autonómica interpreta que tanto a pesca marítima de recreo como a pesca fluvial están entre as actividades permitidas na fase 0 do plan de reactivación do Goberno central trala alerta sanitaria polo coronavirus.

Esta interpretación foi trasladada previamente polas conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e Mar, Rosa Quintana, ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, a través dunha carta remitida o pasado 2 de maio e sobre a que non se recibiu obxección algunha por parte do Goberno do Estado. Por iso, o Executivo galego estima que a pesca fluvial e a pesca marítima recreativa están autorizadas e a súa práctica queda enmarcada no que establece o Estado en relación coa práctica de deporte durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

O Cecop tamén aprobou o acceso ás instalacións portuarias (pantaláns e varadoiros) para facer comprobacións de seguridade e mantemento das embarcacións polos seus propietarios ou persoas debidamente autorizadas durante a fase 0 da reactivación -vixente na actualidade- de acordo tanto coas limitacións que en materia de desprazamentos estableza o Executivo central e que rexan en cada momento como coas instrucións publicadas por Portos de Galicia. De feito, esta medida ten especial relevancia tendo en conta que na fase 0 poderán usarse embarcacións para a práctica de actividades deportivas de acordo coa normativa estatal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Lisboa, luz cosmopolita”. Alberto Barciela

“Lisboa, luz cosmopolita”. Alberto Barciela

En apariencia, lo único que vemos de la ciudad es lo que la ciudad nos muestra. Lisboa es traslúcida, se da toda en su generosa actitud para quien se predispone a admirarla, para los que abren sus brazos con el fin de abarcar un pequeño pleno universo cosmopolita,...