As Letras Galegas 2020 pasarán á historia por moitas cousas, pero sen dúbida, por mor das complexas circunstancias que estamos a vivir, pasarán por ser as Letras Galegas nas que máis esforzos fixemos, dende todas as frontes, por celebrar nas redes a nosa cultura e o legado e a traxectoria do autor homenaxeado nesta edición: Ricardo Carvalho Calero. Trátase máis que nunca dunha festividade cargada de reafirmación, revitalización, positivismo e unanimidade? Sen dúbida si, e iso reflíctese nas moitas actividades (boa parte delas virtuais) que aglutina o programa que a Xunta, en colaboración cunha chea de entidades e empresas (a Real Academia Galega, a asociación AGAL, o colectivo Egeria), vén de presentar. Haberá, en Internet, eventos virtuais, festivais, mostras, audiovisuais, eventos literarios, académicos e escolares. Amais, o Portal da Lingua Galega que impulsa a Secretaría de Política Lingüística será un dos principais puntos de encontro da Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, ofrecendo en aberto para a súa consulta ou descarga material dos proxectos conmemorativos, un material que se irá renovando e enriquecendo ao longo destes días.
Entre estes recursos dos que estamos a falar, atópase a web Carvalho Calero 2020, impulsada pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que se ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais deseñados tamén no marco desta colaboración, como unidades didácticas para o ensino primario e secundario, ou referencias ás edicións bibliográficas conmemorativas, fotografías que ilustran a súa vida e traxectoria e descarga da imaxe icónica orixinal, especialmente deseñada para a celebración deste Ano Carvalho Calero 2020 que a AGAL e a Xunta poñen a disposición de toda a cidadanía. Nesta web tamén se fai especial fincapé nas fortes ligazóns que o autor homenaxeado mantivo con Portugal, ligazóns que comparten AGAL e unha manchea de colectivos actuais e que se manifesta na defensa da unidade lingüística e na plena integración do pobo galego no ámbito lusófono.
Segundo explica Política Lingüística, tanto dende carvalho2020.gal como dende o Portal da Lingua Galega poderanse ver e descargar desde a semana vindeira e en formato dixital os materiais (paneis e folleto) que configuran o proxecto expositivo A voz presente, promovido pola AGAL en colaboración coa Xunta de Galicia e baixo xestión e produción de Ouvirmos, para difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e poñer en valor e resituar a súa figura e o seu legado. Esta mostra desenvolverase até decembro, percorrendo diferentes puntos da nosa biografía e mesmo chegando a Concelho de Viana do Castelo (Portugal) en canto as restricións da COVI-19 o permitan.
Dende a Xunta tamén destacan carballocaleroenlugo.org, feito polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e do Colexio Fingoi, onde se homenaxea a figura do autor e a súa estadía na Cidade da Muralla entre 1950 e 1965 coa exposición Don Ricardo de Fingoi, desde agora tamén en formato dixital para superar as barreiras impostas pola COVID-19 até poder continuar o seu itinerario por diferentes espazos expositivos de Galicia.
O Goberno galego tamén salienta a relevancia que adquire estes días o portal institucional da Real Academia Galega, que ofrece unha entrega diaria da serie Unha palabra para don Ricardo, un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Carvalho Calero a través desta canle e das redes da institución, coa colaboración do Executivo autonómico, e que tamén serán difundidas pola CRTVG.
A maiores de todo o devandito seguindo co fío da actividade online arredor de Carvalho Calero, o Portal da Lingua Galega loce xa desde febreiro unha das fotografías máis representativas do 2020, a de Carvalho Calero na compostelá Praza da Quintana, tirada por Moncho Rama. A ela hanse sumar estes días o xogo de seis caricaturas de Siro que Política Lingüística porá tamén a disposición de toda a cidadanía, a serie de seis vídeos de divulgación arredor da figura do ferrolán feitas por Xan Leira e Acuarela Comunicación e o novo libro Ricardo Carvalho Calero da colección As miñas primeiras Letras Galegas impulsada por Edicións Bolanda en colaboración coa Xunta.
A maiores, o Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), en colaboración Política Lingüística, inundan de novo as redes co cancelo #etiquetadosengalego, lema da campaña Valoremos o noso. Con acento propio, dirixida tanto a empresariado como a consumidores e orientada a poñer en valor o produto etiquetado na nosa lingua e mais o seu consumo.
Certames, festivais e citas na Rede
No marco da programación conmemorativa, os departamentos de Política Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta estrean o novo certame Lingua de rapear, para apoiar a creatividade e dinamizar a lingua nos usos e espazos de interese para a mocidade. Daranse a coñecer as bases e os premios nos vindeiros días.
A maiores, co obxectivo de conmemorar as letras, honrar o autor homenaxeado e dinamizar o galego, a marca leiteira Feiraco, coa colaboración de Política Lingüística, puxo en marcha o noveno Certame de Relatos Breves Feiraco, inspirados na frase Á sombra daquel carballo centenario… e máis o primeiro Certame Infantil de Artes Plásticas Feiraco 2020, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. As bases, prazos de participación e premios xa figuran nas redes sociais da cooperativa agrogandeira galega.
Polo que se refire aos festivais literarios, tamén toman as redes para festexar a lingua galega e celebrar a Carvalho desde o exterior, como o Festival Internacional Kerouac Poesía e Performance, que organiza un encontro dixital a través da plataforma Zoom que será retransmitido por Facebook e YouTube Live o mesmo 17 de maio, ás 18,00 horas. Presentado por Marcos de la Fuente, convida a artistas galegos e representantes do mundo da cultura en Estados Unidos a sumarse á celebración das Letras Galegas.
Vai de Letras
A Consellería do Mar desenvolverá ao abeiro da campaña Vai de Peixe (destinada á promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos) un concurso de relatos curtos en galego baixo o nome de Vai de Letras. Esta acción está dirixida ás mozas e mozos de entre 18 e 35 residentes en Galicia e para participar nela deberán completar un texto de inicio (“Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero...”) cunha proposta de non máis de 150 palabras, a maiores do texto de inicio, ao que poderán acceder a través das redes sociais e da web de Vai de Peixe. Os relatos deberán estar escritos en lingua galega e xirar arredor da temática desta campaña. O prazo de participación comezará ás 13,00 horas do vindeiro 13 de maio e rematará o día 28. A persoa premiada recibirá un lote de libros e un teléfono móbil intelixente.
Recursos, ferramentas e divulgación desde o ámbito educativo
Segundo informou o Goberno galego, os centros educativos da nosa terra tamén estará no epicentro das actividades en liña de conmemoración, atopando novamente en Lingua.gal os recursos elaborados polo profesorado dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que, desta volta, permitirán traballar desde a casa a figura de Carvalho Calero en todos os niveis educativos preuniversitarios, sen esquecer o alumnado con necesidades específicas. Neste senso, Política Lingüística informou de que xa están dispoñíbeis as dúas mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020, que ofrecen cadanseus 10 carteis explicativos da vida e da obra do autor acompañados de unidades didácticas. A estas únense as unidades elaboradas desde Escolas Católicas; as actividades, tanto imprimíbeis como interactivas, do Seminario Galán; os materiais audiovisuais, como videopoemas, pequenos documentais feitos polo alumnado e ata o xa clásico telexornal do CPI dos Dices, con entrevistas a expertos e persoas próximas a don Ricardo; xogos de taboleiro, pasapalabras e mesmo salas de escape para aprender xogando; e tamén concursos, como o II Certame de podcasts Xosé Mosquera Pérez ou o de marcapáxinas do IES San Clemente.
Asemade, o espazo universitario internacional LiberQuaré, Familias Mundi e a Fundación polo Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (FUNDHESGA), co apoio de Política Lingüística, organizan o evento Cápsulas Solidarias Xa abriu o día. Letras Galegas no Ano Carvalho Calero. Trátase da emisión seis vídeos nos que se convida á lectura de obras literarias galegas e se divulga o coñecemento do autor a quen este ano se lle dedica o 17 de maio. As emisións levaranse a cabo entre o 11 e o 16 de maio, en horario de 12,30 a 12,45 horas, a través da páxina de Facebook de LiberQuaré.
Polo que se refire ás actividades no exterior, terán especial protagonismo os centros de estudos galegos (CEG) que a Xunta de Galicia sostén en universidades de tres continentes, tanto agora como en outubro (nas datas elixidas pola RAG para a celebración da festa da lingua neste ano marcado pola pandemia). A Xunta explica que son varios os CEG que optaron por trasladar a celebración de maio a Internet programando vídeo-conferencias sobre Carvalho Calero a través de distintas plataformas (como acontece en Zúrich ou Deusto), exposicións virtuais acerca da súa vida e obra (no Algarve, Barcelona…) ou mesmo unha sala de escape en liña centrada na muller na literatura galega (Zadar). No Portal da Lingua Galega tamén se pode ler xa un número especial da revista de poesía en Madrid Olga, impulsada polo CEG da Universidade Complutense, dedicado a don Ricardo.
Maio e outubro, meses das Letras Galegas 2020
Debido ás restricións derivadas da COVID-19, boa parte das iniciativas previstas no marco da Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 presentada no mes de febreiro adquiren dimensión virtual para celebrar o 17 de maio desde Internet. Con todo, moitas outras citas adíanse ata o mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de fixar os actos previstos para o 31 dese mes, o que propiciará que o ano 2020 conte con dous meses nos que celebrar as Letras.