A Comisión pola Memoria Histórica do Barbanza e o historiador Xoán Callón homenaxean aos barbanzáns recluídos en Mauthausen

04 Maio 2020

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza vai conmemorar este martes 5 de maio un acontecemento que malia o seu alcance internacional e global tócanos ben de preto: a liberación polas tropas norteamericanas do Campo de Concentración de Mauthausen, o 5 de maio de 1945, onde estiveron presos e mesmo foron asasinados algúns paisanos nosos, e onde tal día como este martes foron recibidos os soldados aliados co seguinte cartel: “Os españois antifascistas saúdan ás forzas liberadoras”. A comisión celebrará a devandita data, de gran significado histórico e de gran relevancia para os tempos presentes (nos que medran grupos políticos que son en boa medida herdeiros da ideoloxía que alentou o nazismo), co número 7 dos caderniños da colección Episodios Republicanos Barbanzáns, titulado Barbenceses en Mathausen.

O caderniño que vén da man do historiador Xoán F. Callón, foi elaborado como unha homenaxe aos 14 con-veciños da nosa comarca que estiveron internados nese campo da morte que foi Mauthausen, onde foron recluídos máis de 8.000 españois, un centenar deles galegos e, deles, 14 veciños da nosa comarca.

Segundo lembra a asociación, dos devanditos 8.000, uns 4.900 foron asasinados, a maior parte deles republicanos que pasaran a Francia no ano 39, onde loitaron contra os nazis a partir do ano 40. A entidade tamén recorda que a decisión sobre a súa vida e morte foi tomada por Franco, co asesoramento do ministro Ramón Serrano Suñer, cuñado do ditador. “A finais do ano 40, selouse o destino dos compatriotas, xa que o ditador Franco fixo todo o posíbel para que foran deportados a campos de exterminio”, explica a asociación, engadindo que o caderniño de X. F. Callón fai un completo repaso da vida deses españois en Mauthausen.

En termos máis concretos, o traballo de Callón lévanos da man ao 39, que foi o ano en que tiveron que optar polo exilio, deixando atrás un inimigo para atoparse de fociños contra outro semellante: os nazis. A obra fálanos tamén das reunións do Goberno de Franco coas autoridades xermanas para deportar aos exiliados a Mauthausen. A segunda aborda de cheo o funcionamento do campo de concentración, onde se facían experimentos científicos levados a cabo polos nazis, convertendo os presos en cobaias, traballos onde foron obrigados a participar, de feito, algúns dos nosos veciños.

Outros artigos

“Comunidade de montes” – José Manuel Pena

As Comunidades de montes desenvolven un importante labor social nos espazos rurais, ademais de ser unhas ferramentas comunitarias e veciñais fundamentais para afrontar a realización de diferentes melloras nas parroquias. Para iso necesítase realizar unha boa xestión e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...