A Asociación de Empresarios de Ribeira está traballando arreo para achegar iniciativas e propostas que axuden a revitalizar o sector produtivo local. Deste compromiso e desta actividade xorde a nova campaña gratuíta que a entidade vai realizar para a semana en colaboración co Concello de Ribeira. Nesta iniciativa poderán participar socios e non socios, coa idea de “fomentar as compras e máis a dinamización do comercio”. A campaña, unha defensa dos beneficios de comprar localmente para superar a crise, achega aos cidadáns a posibilidade de equiparse con superpoderes: os que terán se se converten en “superheroes-compradores” do pequeno comercio de Ribeira.
A asociación sustenta a iniciativa nunha realidade incontestábel: as vantaxes dos establecementos de proximidade para achegar, nas súas contornas, un valor que non é quen de brindar ningún outro tipo de actividade económica. Este valor é “a relación coas persoas, onde os vínculos se crean dende ambas partes”.
A promoción realizarase entre as compras feitas desde o día 13 de maio e incluirá tarxetas con rascas para distribuír entre os clientes. Na campaña, que durará até que os establecementos rematen as tarxetas, os cidadáns poderán participar mercando nos locais adheridos á iniciativa. Os rascas gañadores serán trocados na Asociación de Empresarios de Ribeira por vales de compra que poderán gastarse en calquera establecemento participante. A organización fai saber que se o rasca gañador foi entregado nun comercio asociado, o valor do premio será dobre.
A campaña busca pór en valor ao pequeno comercio e, tamén, ao cidadán que merca, xa que só coa unión de ambos será posíbel activar os “superpoderes dos pequenos comercios”, explican dende a entidade ribeirense de empresarios, destacando o papel dos superheroes das tendas locais para “activar a vida, a sustentabilidade, o emprego, o benestar, a innovación e a calidade das rúas e barrios, para conseguir que a suma de todos faga brillar o comercio local de Ribeira”.
O principal obxectivo deste proxecto é “dinamizar a actividade do comercio local despois do parón provocado polo coronavirus, convertendo en superheroes a comerciantes e compradores e dotándoos de grandes capacidades para activar o comercio local, transformado os escaparates cunha cartelería rechamante, decorativa e concienciadora”.