A Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de Ribeira, na súa xuntanza deste xoves 23 de abril, decidiu aprobar o desenvolvemento dun plan local de desescalada que porá o foco inicialmente en dous ámbitos fundamentais: por unha banda os servizos municipais (tales como o control de temperatura e desinfección a traballadores e usuarios destes servizos ou a colocación de mamparas e outros elementos de protección) e, pola outra, o sector local de servizos, que abrangue ámbitos como a hostalería, o comercio e o turismo, que se atopan entre os eidos máis prexudicados da actual crise sanitaria.
Respecte a este segundo eixo, o alcalde Manuel Ruiz explicou que a folla de ruta “pasa en primeiro lugar pola creación de tres grupos de traballo” que abordarán as cuestións relativas aos devanditos sectores (hostalería, comercio e turismo activo) de forma que “en sintonía cos mesmos”, sexa viábel adopta rmedidas propias, coordinadas coas que proveñan do Estado e a Xunta. Os primeiros pasos nestes grupos de traballo serán por videoconferencia.
Esta canle de comunicación tecnolóxica foi a empregada hoxe para a xunta de Goberno local, a primeira dende a que se decretou o Estado de Alarma hai xa corenta días.
Volvendo á xuntanza da Comisión, ao seu abeiro informouse de importantes novidades relativas á fronte común local para universalizar a teledocencia en todos os fogares do municipio. Ao abeiro deste obxectivo, fíxose saber que se repartiron xa 22 tabletas e 9 ordenadores, con destino ás casas de alumnas e alumnos do municipio.
Asemade, informouse da formalización dunha denuncia e cinco actas de requirimento por parte da Policía Local por vulnerar as normas de confinamento.
Tocante ao reparto domiciliario de máscaras de protección, a distribución prosegue hoxe por Palmeira.