A sesión do 7 de abril da Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de Ribeira foi novamente un repaso dos traballos realizados para pór freo á pandemia no termo municipal e unha xornada de traballo para preparar novas accións. No capítulo de balances, fíxose saber que dende o inicio da declaración do Estado de Alarma rexistráronse en Ribeira 105 denuncias por vulneracións da obriga de confinamento, que foron interpostas ben polos axentes da Policía Local, ben polos do Corpo Nacional de Policía.
Estes datos foron achegados polo xefe da Policía Local de Ribeira, José Manuel Bretal, no transcurso da Comisión Municipal de Seguimento, quen detallou que 45 das denuncias tramitadas corresponden á semana pasada.
Na xuntanza tamén se subministraron datos en positivo: informacións que no canto de mostrar diferentes xeitos de desobedecer as disposicións do Decreto de Alarma, poñen de manifesto o espírito de irmandade das veciñas e veciños de Ribeira fronte ao inimigo común da pandemia. Así, na Comisión fíxose saber que durante estes días xa foron felicitadas e felicitados (a través das peticións de familiares e amigos e da colaboración da Policía Local e Protección Civil) 65 ribeirenses menores de idade ou maiores de 75 anos, ao abeiro do servizo posto en marcha no concello para mitigar os efectos do confinamento dando os parabéns ás persoas que estean de aniversario. Na Comisión tamén se gabou o labor nestas e noutras iniciativas do axente Jesús Millán, reincorporado ao cargo tras interromper voluntariamente a súa xubilación.
Agradecementos
No capítulo de agradecementos, salientouse a vontade solidaria da tenda Don Glotón pola súa achega de lambetadas destinadas aos nenos e nenas que están de aniversario. Tamén se agradeceu a colaboración de Sanimóvil (que doou máscaras) e Decoración Laguerzza (por ofrecerse á confección de máscaras de protección).