O Museo de Pontevedra convídanos a reproducir dende a nosa casa O Cego de Padrenda, de Castelao

21 Abril 2020

O Museo de Pontevedra é estes días un fervedoiro de propostas de divulgación e lecer directamente encamiñadas a suavizarnos o confinamento e facérnolo, dentro do posíbel, máis enriquecedor. Onte sorprendeunos coa iniciativa #MírateNoEspello, coa que se suma a unha proposta global que reta á xente, dende os seus fogares, a recrear todo tipo de cadros famosos. Trátase, máis en concreto, de que reproduzamos unha obra de arte coma se fose o noso reflexo.

O museo pontevedrés súmase deste xeito ao desafío viral lanzado por outros centros internacionais como por exemplo o Museo Nacional de Ámsterdam ou o Getty dos Ánxeles, que están a encher as redes sociais con creacións nas que, coa etiqueta “entre a arte e a corentena”, imítanse pezas recoñecidas con obxectos cotiáns para pasar con bo humor estes días.

A elección da peza do Museo a representar por parte da cidadanía é libre, mais desde o equipo técnico propoñen tres posibilidades; unha para ser interpretada por unha soa persoa, outra por unha parella e outra por un grupo. Unha vez escollida cómpre imaxinala e reproducir a escena, o ambiente e os personaxes “da forma máis fiel posíbel” e coas cousas, persoas e mascotas que haxa na casa. A única condición é non usar o Photoshop. Logo hai que facer unha fotografía e compartila no Facebook do Museo, ou subila nos perfís propios publicamente co cancelo #MírateNoEspello.

Desde o Museo lembran que se pode “recrutar” a todas as persoas que se queira e coas que se estea a pasar o confinamento, “sempre tirando de bo humor”.

Tres propostas concretas

Para impulsar o reto, a institución achega tres obras concretas a reproducir: a pintura Señora con sombreiro, do marinense Manuel Torres (a denominada “Gioconda galega”, foi pintada durante a súa estadía en París; por iso é unha moza de ambiente urbano, tan distinta das mulleres labregas e mariñeiras que aparecen na maioría dos cadros do artista).; O xantar, do ourensán Silvio Fernández Rodríguez-Bastos (un dos cadros que se levou dende a nosa terra á Exposición Nacional de Belas Artes en 1890, representa a unha parella xantando no campo, con traxe rexional e con produtos típicos galegos; é un exemplo perfecto da nosa mellor pintura rexionalista) e O cego de Padrenda, de Castelao (obra creada en 1910 polo célebre artista, escritor e político rianxeiro, nela inmortaliza un dos últimos xograres, Eugenio Padín, máis coñecido como o cego de Padrenda, ou polo seu alcume, “o Xan Pirulé”, título dunha das súas cantigas máis famosas; esta obra pertenceu ao antigo Hotel Calixto de Cambados, que estaba situado na praza do Concello).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión