O Concello da Pobra do Caramiñal deu comezo este venres 24 de abril a un reparto masivo de máscaras de protección contra a COVID-19 para a totalidade da poboación do termo municipal. A entrega vaise facer ao longo destes días por parte do voluntariado do Grupo de Protección Civil da Pobra, acompañando as máscaras dun folleto informativo no que se informa das instrucións para o seu uso.
O lote, segundo informou o Concello, ten diversa procedencia: do voluntariado organizado dende SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui), que achegou 6.000 unidades a prezo do custo do material; da empresa Escurís, do grupo JEALSA, que doou 5.000 unidades elaboradas pola empresa do sector téxtil JEALFER, que forma parte do mesmo grupo; do colectivo de voluntarias e voluntarios do concello, que xa confeccionou varios centos de máscaras e que seguirá a traballar nas vindeiras semanas; e do establecemento comercial Pizpireta, que tamén fixo unha importante doazón de material.
O Concello agradeceu a solidariedade daa devanditas empresas e tamén das persoas voluntarias, que “nos permiten dispoñer do material e da capacidade para distribuílas”.
A distribución comezará polo centro urbano, dando prioridade ás zonas de edificios de vivendas plurifamiliares, onde, segundo informa o Concello, “existen zonas comúns e o risco de contaxio é maior”.
Completarase o centro para logo continuar por todo o rural do territorio pobrense. A entrega será unha por persoa. En palabras do Concello, co material xuntando estes días darase cobertura a toda a poboación. O Goberno local tamén quixo destacar “o traballo da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil, que están non só atendendo as demandas do Concello para colaborar, senón que contan con iniciativa propia para levar a axuda alá onde máis se precise”.