Dispáranse os empréstamos da Biblioteca Dixital da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de facer balance da actividade xerada estes días pola súa Biblioteca Dixital, un servizo cuxo uso viuse incrementado entre a cidadanía por mor do confinamento e o Estado de Alarma, e tamén, polos esforzos da propia Biblioteca para mitigar os efectos da reclusión (por exemplo poñendo a disposición de todos os internautas 4.400 títulos dos seus fondos). O incremento no uso foi extensíbel ao préstamo dixital e tamén ao rexistro para participar nos clubs de lectura virtuais. Isto veu acompañado nunha mellora destes servizos, co fin de atender nas mellores condicións ao medre da demanda (só nos primeiros días de abril rexistráronse 1.000 solicitudes).

Amais, durante o confinamento aumentou de xeito exponencial o número de persoas lectoras que utilizan a plataforma dixital, que xa leva realizados 15.368 empréstamos, 909 deles nestes primeiros días de abril.

Por certo que amais de abrir dixitalmente os fondos da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, algo que xa viña de antigo pero que os días pasados intensificouse, leváronse a cabo outras iniciativas semellantes no seo da entidade provincial como por exemplo a apertura do servizo online EbiblioDaCoruna ás catro provincias e a calquera persoa, sexa ou non socia dunha biblioteca. Con esta medida, “permítese que calquera persoa interesada acceda libremente á plataforma e descargue gratuitamente ao seu lector os contidos que lle interesen, ata 5 ao mesmo tempo”, sinalou a Deputación.

Fondos dixitais

A Biblioteca Provincial xa conta con 4.194 libros dixitais, 153 audiolibros, 27 cabeceiras de revista (de deporte, lectura, informática, cociña, decoración, xardinaría ou ocio en xeral), e 6 xornais, entre outros contidos. Acompañando estes incrementos, a semana pasada aplicouse unha remodelación do deseño da Biblioteca Dixital, cun acceso máis rápido aos libros e ás buscas, permitindo enlazar coas redes sociais e puntuar ou comentar os libros.

Club de lectura

A Deputación tamén destacou un importante medre do seu Club de lectura dixital, en acceso libre para todas as persoas lectoras, que poden ler, comentar e compartir os seus libros preferidos a través destes servizo. Nas dúas salas de lectura das que consta o Club participan nestes momentos 98 persoas, e “no pouco máis dun ano que leva en funcionamento léronse e comentáronse colectivamente 13 títulos”, informou a entidade provincial, engadindo que no Club tamén se están a celebrar efemérides destacadas como o Día da Poesía, o Día do Teatro ou o Día do Libro, “no que os lectores comparten fragmentos das súas obras preferidas”.