Ribeira foi escenario da primeira edición dos Premios Talento Mozo

06 Marzo 2020

A Xunta celebrou hoxe en Ribeira a entrega de premios da primeira edición de Talento Mozo, que recoñece a traxectoria de cinco mozas e mozos: Christian Vidal Vides, na categoría de Ciencia; Paula Rodríguez Villamayor, na de Rural; Ana Peleteiro Brión, en Deporte; Jorge López Rodríguez, no apartado de Empresa; e Sara Donoso Calvo, na disciplina de Cultura e Creación. Ao acto asistiu a conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e do alcalde do municipio, Manuel Ruiz.

Fabiola García destacou e recoñeceu os trazos comúns que teñen os cinco premiados desta primeira edición de Talento Mozo e que os levan a ter unha traxectoria brillante. Así, salientou que, detrás das súas exitosas carreiras, que serven de exemplo as nenas e nenos de Galicia, está o esforzo, a convicción, a persistencia, a dedicación e a paixón.

Conselleira de Política Social, Fabiola García

Neste senso, a conselleira de Política Social afirmou que a mocidade é a principal forza transformadora da sociedade galega e manifestou que é importante que as novas xeracións conten con referentes axeitados coma son os premiados de Talento Mozo. Ademais, fixo fincapé en que hoxe Galicia conta con oportunidades para o potencial que alberga a xuventude.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou o nivel da xuventude galega asegurando que estamos ante a mellor xeración de mozos e mozas da historia galega da que se aproveitarán os nenos e nenas que veñen detrás, xa que contan con multitude de espellos nos que mirarse. Un talento mozo que se fai notar no mundo do deporte, así como en tódolos ámbitos da sociedade.

Na modalidade de Deporte, a gañadora é a atleta Ana Peleteiro Brión, ribeirense de 24 anos que constitúe todo un exemplo de carreira deportiva de éxito e superación. Así o acreditan a súa traxectoria, as múltiples distincións recibidas e o seu palmarés, tanto nacional coma internacional.

Na disciplina de Ciencia, o galardoado é o químico Christian Vidal Vides, asturiano afincado en Santiago de Compostela desde hai anos. Ten 30 anos e na actualidade traballa no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago (USC). Tamén forma parte do programa de bolseiros Juan de la Cierva e do European Research Council. Destacan as súas achegas nos campos da química sintética e da química organometálica, así como pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X.

Na categoría de Rural, a premiada é a estradense Paula Rodríguez Villamayor, de 25 anos, pola súa contribución a converter o medio rural nun espazo de oportunidades e de dinamización económica graza aos seus coñecementos no eido da cunicultura. Na actualidade desempeña o seu traballo como investigadora na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.

No apartado de Empresa, o premio Talento Mozo recae no pontevedrés de 29 anos Jorge López Rodríguez, que ten unha empresa de sneakers veganas, na cidade do Lérez, chamada Beflamboyant que é un exemplo de éxito no ámbito do emprendemento e xeración de emprego. Este galardón recoñece o grao de innovación, orixinalidade e o potencial de crecemento do seu negocio e, polo tanto, de producir melloras no tecido produtivo galego e na creación de emprego.

E, por último, no epígrafe de Cultura e Creación, a premiada é Sara Donoso Calvo, graduada en Belas Artes e doutora en Historia da Arte. Natural de Redondela, de 30 anos, destaca polos proxectos que desenvolve en múltiples áreas de traballo en ámbitos como a divulgación, a xestión cultural, a crítica ou o comisariado, entre outros. Esta distinción recoñece a importancia que teñen perfís profesionais como o de Sara Donoso no ecosistema da cultura contemporánea, pola súa capacidade para trazar pontes e xerar espazos para a creación.

Outros artigos

Ribeira convoca ao voluntariado para limpar a praia de Coroso

Este venres 25 de abril, a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, e máis o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, anunciaron que o vindeiro sábado 3 de maio, a partir das doce na praia de Coroso e á altura da Escola Oficial Náutico Pesqueira, procederase a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

Hay cardenales que no creen en Dios. Pero antes de empezar con el tema diré que ya se realizó el primer milagro de Francisco. Alguien puede decirme como 140 señores de promedio 75 años pueden aguantar 5 horas sentados al sol sin hacer 3,14 - 3,14, es decir pipi. Vamos...