O Concello asume o topónimo de Ribeira con ‘b’

03 Marzo 2020
Cedida

O salón de plenos da ribeirense Casa Consistorial foi escenario este mediodía da presentación ante a corporación municipal do informe elaborado pola Real Academia Galega (RAG) en torno ás raíces etimolóxicas e históricas do topónimo. No acto estiveron presentes membros dos distintos grupos da corporación; o alcalde Manuel Ruiz; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; e o director da Comisión de Onomástica e Toponimia da RAG, Antón Santamarina.

O documento detalla as razóns polas que a forma correcta é a de ‘Ribeira’. Así, o Concello asume oficialmente o topónimo con ‘b’.

Máis polo miúdo, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega expresa no informe que ‘Ribeira’ é un nome de lugar moi frecuente en Galicia, tal e como se proba nas máis de 80 entidades de poboación chamadas así ou que a conteñen no seu nome; ademais de que está formado por unha voz de uso común recollida nos dicionarios e que provén do latín riparia: o substantivo ‘ribeira’ que se refire á “franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar”; “zona de terra que está próxima e dá cara ao mar ou cara ao río.”

A continuación, indícase que o topónimo está publicado en distintos lugares e que, na documentación antiga galega, a parroquia de Santa Uxía de Ribeira -de onde toma o nome o municipio- encóntrase por primeira vez atestada nun testamento de 1378 recollido por López Ferreiro na obra Colección Diplomática Galicia Histórica, onde figura como Santa Ougea de Ribeira, segundo transcrición do autor.

Máis tarde, no Liber Tenencie do Horro, ano 1432, tamén se recolle entre as parroquias do arciprestado de Postomarcos a de Sancta Ougea de Rribeyra.

Así mesmo, a RAG explica que, en textos posteriores de Galicia e xa escritos en castelán, o nome da parroquia aparece “máis ou menos castelanizado e ás veces con artigo pero sempre escrito con ‘b’” ata que, no século XVII, nas Memorias do cardeal Gerónimo del Hoyo documéntase por primeira vez con ‘v’. Neste senso, adoita considerarse que, a partir do referido século, o nome do topónimo pasa a escribirse regularmente con ‘v’, resultando “innegable que ten que ver coa influencia do castelán, única lingua en que, segundo os datos de que dispoñemos, están os textos en que rexistramos escrito o topónimo ata o século XX.”

Engádese que, a partir do século XV, se documenta en castelán unha voz ‘rivera’, distinta de ‘ribera’. Isto, xunto coa confusión de grafías ‘b/v’ que na Idade Media representaban os fonemas [b] e [v] e que confluíron posteriormente nun único son, facilitou que se usasen indistintamente e “explica claramente o incremento das formas gráficas ‘Riveira’.”

Oficialmente, o nome do municipio figurou co nome de ‘Ribeira, Santa Eugenia de’ no Nomenclátor de 1842; ‘Riveira’ nos de 1860 e 1877; e ‘Ribeira’ (sen a advocación) nos de 1857, 1887, 1897, 1900, 1910, 1920, 1930, 1940, 1950, 1960, 1970, 1981, 1991, 2001, 2011 e así ata a actualidade.

O texto tamén precisa que “no procedemento de recuperación das formas correctas dos nosos nomes de lugar a Comisión de Toponimia, como órgano oficial, debe seguir as Normas ortográficas e morfolóxicas do galego do Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega que establecen que a ortografía galega é etimolóxica. Deste xeito, desde a Comisión mantívose a forma oficial que figuraba nos Nomenclátores e que se corresponde coa única forma ortograficamente válida no galego moderno”; así como que isto é todo canto o Seminario de Onomástica da RAG pode alegar para explicar a forma lexítima e oficial ‘Ribeira’ do Nomenclátor de Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...