
O estado de alarma decretado esta fin de semana polo Goberno central co obxectivo de frear o avance da pandemia e restrinxir a mobilidade ao imprescindíbel está a materializarse nunha intensificación dos controis levados a cabo nas estradas nas rúas urbanas polos corpos policiais. O traballo das autoridades nos viarios de Barbanza estase a saldar nestes días sen grandes incidencias, alén dos primeiros expedientes cursados cara os primeiros casos de cidadáns que non puideron xustificar a súa presenza ao volante ou deambulando nas rúas.
Segundo puidemos saber, as primeiras sancións nos nosos concellos xa se comezaron a tramitar este domingo, horas despois do estado de alarma, dirixidas a cidadáns que fixeron caso omiso da obrigatoriedade de permanecer nos seus fogares agás en casos de forza maior.
No caso de Ribeira, chegouse a iniciar un expediente por mor dun local hostaleiro que estaba dando acubillo a unha festa privada, unha actividade que, do mesmo xeito que a apertura ao público en xeral, estipúlase como prohibida no decreto que acompaña ao estado de alarma.
Rianxo
A Policía Local de Rianxo está a desenvolver dende a pasada fin de semana actuacións concretas, a pé de estrada, para controlar que os desprazamentos que se fagan por estrada ou a permanencia en espazos públicos da cidadanía se leven a cabo por motivos xustificados, é dicir, que respondan aos casos concretos especificados nos decretos emitidos polo Goberno central ao abeiro do estado de alarma para frear o avance do COVID-19. Os operativos, segundo informa a Policía Local, estanse a desenvolver nas diferentes parroquias do concello, como por exemplo en Taragoña (na imaxe). Inclúen controis móbiles “para dar cumprimento ás restricións á circulación e ás medidas de emerxencia sanitaria establecidas para frear a pandemia”.
Casos xustificados
Respecto dos devanditos casos concretos para poder circular ou permanecer en lugares públicos, os corpos de Policía Local dos nosos concellos lembran que se trata dos seguintes:
· Adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade.
· Asistencia a centros sanitarios.
· Desprazamento ao lugar de traballo.
· Retorno ao lugar de residencia habitual.
· Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas vulnerábeis.
· Desprazamento a entidades financeiras.
· Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
· Calquera outra actividade de análoga natureza debidamente xustificada.