Ribeira celebrará o seu Entroido mesturando tradición e novas propostas

17 Febreiro 2020

Os disfraces, a música e a troula acapararán Ribeira do 21 de febreiro ao 1 de marzo con motivo da celebración do Entroido. Diversas actividades destinadas a tódolos públicos compoñen a programación deste ano, a cal foi detalla esta mañá por parte da concelleira de Cultura, María Sampedro. Segundo manifestou, trátase dunha festa con arraigo no municipio, polo que “tódolos anos tratamos de facer un gran esforzo por ofrecer variadas actividades para toda a cidadanía.”

Unha das fortes apostas son os diversos grupos e charangas que animarán os emprazamentos nestas datas e en tódolos horarios, facendo especial fincapé no sábado 22 e luns 24. Tomarán parte desta cita O Santiaguiño de Padrón, Os Celtas da Baña, Charanga BB+ ou Fanfarria Furruxa, entre outros. Neste eido, destaca o concerto programado para o luns 24, ás 00.00 horas, na carpa do Malecón a cargo do grupo Los Alcántara, que se encargará de achegar temas dos 60, 70 e 80. A continuación, a sesión Discomóbil tomará o relevo para amenizar a madrugada.

Tamén cómpre salientar o concurso de disfraces de Entroido que se levará a cabo o luns 24, desde as 22.00 ata as 04.00 horas, polos distintos locais participantes da hostalería. Haberá gratificacións económicas nas modalidades de individual, parella e grupo. O prazo de envío das fotografías para a deliberación do xurado é desde ese mesmo día ata as 23.59 horas do 2 de marzo. Neste senso, repartiranse premios por valor de 2.500 euros.

O Festival de Murgas e Comparsas realizarase o martes 25, festivo local, con saída do Auditorio municipal, ás 17.00 horas, acompañadas por numerosas charangas e personaxes desfilando por rúas Portugal, Romero Ortiz, Galicia, praza da Concordia, García Bayón, Malecón ata a carpa do Entroido na praza do Porto. O festival estará presentado polo dúo cómico formado por Pedro Brandariz e Fran Rei. En total, destínanse 6.000 euros -3.650 euros para as gratificacións e 2.350 euros para os premios-. A decisión recaerá nun xurado composto por seis membros: tres profesionais; a concelleira de Cultura, quen ostentará a presidencia do mesmo; un membro elixido ao azar entre o público; e un secretario.

Na xornada do mércores 26 procederase co enterro do Felipe, saíndo ás 19.30 horas desde a praza do Porto (Capitanía Marítima) pasando por Malecón, Concordia, Galicia, Santa Uxía, praza do Concello, Rosalía de Castro, Galicia, Manzanares ata chegar á praza de Pontevedra, onde se procederá coa queima. De seguido, será o momento de degustar preñados, orellas e rosquillas, acompañados de viño e demais bebidas.

No ámbito da gastronomía, o sábado 29 celebrarase a primeira edición do Concurso Gastropopular do Entroido en Bandourrío, a partir das 11.00 horas. Haberá distinción á Mellor Orella, Mellor Milindro e Mellor Filloa; así como cata gratuíta con tódolos produtos presentados, xogos populares, inchables, música e animación infantil. En colaboración coa hostalería, o 1 de marzo terá lugar a Ruta de Tapas do Pequeno Entroido. Cada petisco terá un custe de 2’5 euros e a charanga O Santiaguiño de Padrón porá o toque musical. Entre as papeletas dos asistentes sortearase unha noite para dúas persoas nunha casa de turismo rural; mentres que o local máis votado será galardoado.

Como xa se mencionou anteriormente, trátase dunha festa que chega a tódolos rangos de idade. Os maiores terán a oportunidade de desfrutar do baile da man do Dúo Charada, desenvolvéndose o domingo 23, a partir das 19.00 horas, na Casa do Mar de Corrubedo. Mentres tanto, o Grupo Nostalgia fará o propio o sábado 29, a partir das 21.00 horas, no Liceo Marítimo de Ribeira. No que respecta ao público infantil, poderán gozar das actividades enmarcadas dentro do Nreda, situado no espazo municipal de usos múltiples da rúa Galicia. Así mesmo, contarase co Espazo Concilia, onde os proxenitores poderán deixar as súas crianzas para mercar no comercio local. A Choqueirada Infantil marcará a xornada do domingo 23 cunha gran festa de disfraces, a partir das 17.00 horas, no referido espazo municipal e contando con animadores de xogos, mascotas, karaoke, desfile con entrega de diplomas, obradoiros, etcétera. Esta proposta amplíase ao sábado 29 coa Festa Infantil do Pequeno Entroido, en horario de 17.00 a 20.30 horas. Outras citas para marcar no calendario por parte dos cativos é o sábado 22, pois a praza do Concello acollerá inchables e a saída do tren expreso que percorrerá as distintas rúas da cidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

Segundo o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre os meses de abril e xuño do ano en curso, executáronse 5.874 desafiuzamentos por falta de pagamentos de alugueiro e uns 469 por execucións...

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

El teatro es espejo de la vida o de las costumbres, se aventura como oráculo, o arriesga incluso en vanguardias imprevisibles, en inverosímiles utopías, o no, con sencillez opta por  disimular angustias entre humoradas; por algo más de una hora actúa cual eficaz...