O BNG renova o Consello Comarcal do Barbanza

22 Febreiro 2020

A Asemblea do BNG na Barbanza reuniuse onte venres 21 de febreiro para programar o traballo que vai realizar nos vindeiros meses. Os nacionalistas tamén aproveitaron a xuntanza para facer unha renovación do Consello Comarcal.

Unha das principais novidades é que Luís Pérez Barral deixa de ser o responsábel comarcal por motivos laborais.  Segundo explicou “ter dous traballos fai que non teña o tempo necesario para coordinar as actividades e traballo a nivel comarcal”. Pérez Barral seguirá á fronte da área de comunicación e coa súa responsabilidade institucional no Concello de Ribeira onde é concelleiro. En substitución de Pérez Barral a persoa que collerá a testemuña será Elvira Branco Pérez, que xa fora concelleira e responsábel local da organización en Ribeira. Branco Pérez mostrou o seu agradecemento e mostrou a súa disposición de traballar arreo “para estender o proxecto nacionalista, poñendo de manifesto que o nacionalismo é a mellor ferramenta para defender intereses da clase traballadora galega e mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos, como se demostra nos concellos onde goberna o Bloque”.

Desde a asemblea recoñeceuse que Elvira Branco encarna un proxecto renovado, cun apoio social, din, que cada día vai a máis e coa suma de novas persoas. A nova responsábel comarcal afirmou que van dar o mellor de si para demostrar aos galegos e galegas que poden confiar na súa formación para poñer a Galiza en marcha nas vindeiras eleccións do 5 de abril.

No Consello Comarcal tamén se integran novas persoas como a exdeputada no Congreso, Rosana Pérez, a voceira do BNG na Pobra, Amparo Cerecedo ou as responsábeis locais de Rianxo e da Pobra, Mercedes Pimentel e Laura Novelle. Con estas incorporacións, o BNG da comarca márcase como obxectivo traballar na defensa dos intereses e dos dereitos das maiorías sociais, en colaboración cos colectivos e tamén na defensa dos nosos recursos e da nosa xente e levando as súas demandas ás diferentes institucións. Capítulo especial dentro das prioridades políticas que se marcan no BNG será o traballo a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres, a loita contra a violencia machista, a conciliación da vida familiar e laboral.

Para finalizar, a nova responsábel comarcal, transmitiu o agradecemento persoal e do conxunto da militancia ao responsábel saínte, Luís Pérez, polo gran traballo realizado ao longo destes anos.

O Consello Comarcal queda composto polas seguintes persoas:

Elvira Branco, responsábel do BNG na Barbanza
Rosana Pérez
Carlos Branco
Raquel Súarez
Adolfo Muíños
Amparo Cerecedo
Tobías Betanzos
Laura Novelle
Luís Pérez
Mercedes Pimentel
Pablo Ferreirós
Adelina Ces
Vicente Paz
Xosé Nóvoa
Dani Ermo
Francisco Santamaría
Ramiro Ouviña

Consello Comarcal do BNG do Barbanza

Outros artigos

Bretal acolle este mes o III Torneo Terra Batida A Devesa

Os concelleiros de Xabier Vidal e Fernando Abraldes presentaron este xoves 9 de maio, xunto a Juan Fernández e Juan Francisco, o III Torneo de Terra Batida A Devesa, que se celebrará do 17 de maio ao 30 de xuño en Bretal. No evento haberá categoría individual...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión