
O Concello de Ribeira e a Asociación Barbantia están a reivindicar estes días unha pequena-gran historia docente, pedagóxica e editorial que tivo a súa orixe na nosa comarca, na vila mariñeira de Palmeira, e que ficou practicamente no anonimato até os nosos días. Estamos a falar da historia do mestre palmeirán Ignacio Martínez Malvido, que no ano 1885 fixo unha completa investigación dos traballos que se realizaban no agro na segunda metade do século XIX, máis polo miúdo na recta final do mesmo. Froito deste traballo foi o libro pedagóxico La Perla Agrícola, que as ditas entidades recuperaron para a súa reedición facsimilar. Segundo fai saber o Concello, “este libriño pedagóxico estaba practicamente esquecido e ausente na maioría das bibliotecas públicas e privadas de Galicia.
Coa finalidade de dar a coñecer entre a veciñanza o que as entidades cualifican de “pequena xoia” da investigación histórica e económica da nosa terra no século XIX, o venres 7 de febreiro ás 20 horas está previsto un acto de presentación na sede da Sociedade Fillos de Palmeira. Intervirán o alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Cultura María Sampedro; Noelia Rebollido como directora do CEIP de Palmeira; e Francisco Antonio Vidal, narrador e socio da Asociación Cultural Barbantia, quen foi un dos grandes artífices da recuperación da devandita obra.
Segundo engade o Concello, cada asistente á presentación será agasallado cun exemplar do libro.
Por certo que La Perla Agrícola é un traballo desenvolvido polo mestre palmeirán para aprender ao alumnado os principios básicos da agricultura, uns principios aliñados coas avanzadas inquietudes docentes da época, que valoraban o traballo educativo e a renovación docente como os principais instrumentos para impulsar as diferentes vertentes sociais, económicas, culturais e de progreso.
O Concello de Ribeira tamén lembra que a que se presenta esta semana non é a primeira reedición facsimilar emprendida polo Goberno local nos últimos anos, pois xa en 2017 recuperou outra contribución xornalística e literaria practicamente imposíbel de atopar: a escolma de ensaios Pandemonium do xornalista ribeirense Manuel Lustres Rivas, cadrando co século da súa publicación.