Os nacionalistas de Ribeira veñen de pronunciarse sobre a substitución da ‘v’ por corazóns nas letras co nome do municipio situadas en dúas rotondas, pois sinalan que deturpa o topónimo oficial e acusan ao alcalde Manuel Ruiz de “seguir facendo uso dos cartos públicos para satisfacer os seus caprichos persoais aínda que para iso teña que incumprir a lexislación vixente.” O BNG lembra que se debe respectar a Lei de normalización lingüística, que contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega cuxo artigo 10 establece que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” e que “corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia.”
Así mesmo, precisan que as institucións públicas deben aterse ao establecido no Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG, 25/03/2003) onde se recolle que o nome do municipio é “Ribeira.” Desde o Bloque tamén indican que as referidas leis teñen un rango superior “ao acordo plenario en que basea o PP a súa defensa para deturpar o topónimo.”
Ademais, apuntan que en 2013 unha profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), membro da Real Academia Galega (RAG) e do Comité científico do Instituto da Lingua Galega (ILG) fixo un estudo no que concluíu que “as razóns presuntamente históricas para a defensa de ‘Riveira’ caen cun estudo minimamente rigoroso e a orixe do nome da vila é Ribeira por estar ‘a pé do mar’”.
O voceiro do grupo municipal, Xosé Vázquez Cobas, anunciou que o BNG vai esixir por escrito o custo da instalación dos corazóns e as horas que “perdeu” a brigada de obras municipal na súa colocación. Por outra banda, recriminou que o Partido Popular “teime en continuar co malgasto de cartos públicos para vulnerar as leis desatendendo os requirimentos feitos por diferentes institucións”, poñendo como exemplo a da Valedora do Pobo en 2012, 2016 e 2019 e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) en 2016. Neste senso, explicou que “imos recompilar toda a documentación e imos levar o caso ante o Valedor do Pobo e a SXPL, pedíndolle que tomen cartas no asunto de xeito inmediato”, pois consideran que “non é lóxico que o goberno dunha institución pública incumpra coa lei, promova a división social da veciñanza, obvie os requirimentos que lle fixeron Política Lingüística e Valedor do Pobo e non pase nada.”
Finalmente, Vázquez Cobas asegurou que “tarde ou cedo a razón triunfará fronte a ignorancia que defende o PP” e fixo referencia a que Portos de Galicia “tras unha denuncia do BNG, tivo que corrixir en 2016 o topónimo deturpado ‘Riveira’ polo único correcto e legal Ribeira.”