Andrés Vázquez Romero ofrece en Ribeira un recital de guitarra clásica

07 Febreiro 2020

Este luns 10 de febreiro temos unha cita en Ribeira coa vertente máis clásica da guitarra. Máis en detalle, co son clásico da guitarra axeitadamente adaptado aos novos tempos polo músico Andrés Vázquez Romero, que ofrecerá ás 18.30 horas un recital no Conservatorio de Música Profesional Enrique Paisal. A cita musical abéirase á preparación do seu concerto de fin de estudos no Conservatorio Superior da Coruña.

Andrés Vázquez Romero (Noia, 1994) estudou interpretación de guitarra clásica no Conservatorio Profesional de Música Felipe Paz Carbajal da man de Serafín M. Fernández durante os graos elemental e profesional. En 2015 accedeu ao devandito Conservatorio Superior de Música da Coruña, onde se atopa rematando os estudos do itinerario de guitarra baixo a tutela de Eulogio Albalat. Ten asistido a clases maxistrais de Alex Garrobé (2016) e Michalis Kontaxakis (2018).

Como dixemos, a sesión en Ribeira inclúese nunha serie adicada á preparación do seu concerto de fin de estudos. O programa inclúe interpretacións da Homenaxe a Toulouse-Lautrec de Eduardo Sainz de la Maza, a GrandOuverture de Mauro Giuliani, e máis a Sonata Op. 61 de Joaquín Turina.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión