Abre o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil en espazos naturais da iniciativa europea Lewo

20 Febreiro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, deron conta esta mañá en Corrubedo do programa de voluntariado xuvenil en espazos naturais da iniciativa europea Lewo, que hoxe abre o seu prazo de inscrición. Fixérono desde un dos enclaves nos que se desenvolverá o proxecto durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

O programa ofrecerá un total de 370 prazas e ten como principal obxectivo a sensibilización e o fomento do respecto polo patrimonio natural de Galicia, así como a preservación e potenciación destas zonas coa contribución das mozas e mozos voluntarios. Ao abeiro deste proxecto desenvólvense actividades de tres tipos: preservación e conservación; investigación ou catalogación de flora e fauna da zona; e accións educativas de información e sensibilización.

A titular de Política Social sinalou que a mocidade galega ten demostrado ser a máis comprometida coas causas que así o merecen, coma neste caso o coidado e preservación do medio natural. Neste senso, Fabiola García destacou que iniciativas coma esta, ademais de ser moi beneficiosas para a beleza paisaxística de Galicia, permiten que a mocidade desenvolva un afecto e conciencia sobre os espazos de especial valor da Comunidade.

Pola súa parte, a representante de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia que ten este proxecto de cara a acadar un dobre obxectivo: sensibilizar e concienciar á sociedade sobre o valor do patrimonio natural galego a través das accións previstas nestes espazos; e promover entre a xuventude o chamado voluntariado medioambiental co fin de lograr a súa implicación activa na tarefa de “conservar e protexer a riqueza única” de Galicia.

Na súa intervención, a tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro, expresou o seu agradecemento á Xunta de Galicia por este tipo de iniciativas, as cales contribúen a mellorar os espazos naturais e defender o medio ambiente.

Ademais, tres voluntarios relataron a súa experiencia e salientaron os proxectos que desenvolveron durante a súa participación.

Esta nova edición do programa Lewo (Life Evergreen with Volunteers) desenvolverase no Parque Nacional das Illas Atlánticas; en cinco dos seis parques naturais de Galicia (Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán); así como en dúas das seis reservas da biosfera da comunidade (As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, e Terras do Miño), e na Ribeira Sacra, espazo que aspira a ser o sétimo recoñecido en Galicia baixo esta figura. Este ano, como nova incorporación, está previsto realizar actividades de voluntariado no espazo Natura 2000 ZEC Ancares-Courel.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.