Achéganse novas datas nas que a creatividade, a gastronomía e a diversión cobran gran protagonismo. A partir desta fin de semana, A Pobra somerxerase de cheo no Entroido con numerosas propostas destinadas a tódolos rangos de idade e volverá celebrar, por segundo ano consecutivo, un día de festa seguindo a temática do esperpento. Así o desvelaron este mediodía o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Dinamización Económica, Charo Varela; a súa homóloga de Cultura, Patricia Lojo; o delegado de Mocidade, José Andrés Lojo; o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González; e Lois Basallo, en representación de Vou Films.
O festexo arrancará o venres 21 con programación desde as 17.00 ata as 20.00 horas, contando con cabina móbil Chocolate e touro mecánico no toldo da praza Maior. Tamén haberá merendola para tódolos asistentes a cargo da ANPA O Areal, Bandaseca e Cadreche. O edil José Andrés Lojo engadiu que a troula continuará no referido emprazamento, a partir das 23.00 horas, con Disco Móbil Chocolate que amenizará a festa choqueira.
O Cantón da Leña converterase o sábado 22 en centro neurálxico da segunda edición do Entroido Esperpéntico, unha iniciativa que xurdiu da man de Adriana Rego e Vou Films. A concelleira Charo Varela expuxo que se desenvolverán actividades de xeito ininterrompido desde as 11.00 horas. Esta xornada incluirá cinema, exposicións, xogos tradicionais, showcooking, música a cargo de Dixie Kings ou concurso de máscaras, entre outros. Así, remontarase aos anos 20 e 30 do século pasado cunha festa de época. Neste senso, convídase a veciñanza e visitantes a disfrazarse de tal xeito que contribúan a recrear a atmosfera na que se publicou a triloxía Martes de Carnaval, de Valle-Inclán. Preténdese así “ir máis alá e homenaxear tamén a un escritor universal como é Valle-Inclán, que está vinculado ao noso concello, non só por vivir aquí, senón porque ademais escribiu unha boa parte da súa obra.” Tamén se sacará unha revista que referenciará todo o que ten que ver co máximo expoñente do esperpento e a obra Los cuernos de don Friolera; ademais de engalanarse a contorna do Museo con motivos alusivos aos referidos tempos. O colofón a este día será o DJ esperpéntico que porá música ata ao redor das 02.00 horas. Na súa intervención, Varela agregou que, no que respecta ao certame de máscaras, a gañadora acadará un premio consistente nunha gran cesta de produtos relacionados co cocido galego.
Pola súa parte, Lois Basallo referiuse ao eido audiovisual, indicando que se realizarán tres proxeccións dunha adaptación cinematográfica de Los cuernos de don Friolera, integrada en Martes de Carnaval. Ademais, avanzou que Suso Martínez, como tenente Astete, ofrecerá un monólogo; mentres que o actor César Cambeiro pronunciará o discurso interpretando ao nomeado intelectual.
No que respecta á exposición Vístete de Entroido!, Antonio González anunciou que estará composta por máscaras, vestiarios e figurinos. O director do Museo tamén fixo fincapé en que a obra central desta edición foi escrita no pazo da Mercé, salientando que existe unha carta enviada por parte do escritor a Manuel Azaña, na que se sinala que remitía os manuscritos orixinais para a súa publicación en Madrid.
O domingo 23, a partir das 17.30 horas, seguirá a celebración, nesta ocasión, ambientada no espazo. O toldo da praza Maior dará cabida a animación infantil, obradoiros, photocall e elaboración de postais e cartas. A edil Patricia Lojo manifestou que se realizará un concurso para rapazada ata os 14 anos. O certame repartirá un total de cinco premios valorados en 650 euros, e as persoas agraciadas participarán disfrazadas no desfile do martes 25, o cal sairá ás 17.30 horas desde A Covecha ata rematar na rúa Castelao, onde se levará a cabo o concurso presentado polas humoristas Anabel Gago e Chelo do Rejo (A Quixota e Sancha Panza). A cantidade máxima a repartir en distincións serán ao redor de 5.000 euros e, mentres o xurado delibere, Batukabras encargarase de que non decaia a diversión.
Finalmente, o sábado 29 procederase, ás 18.00 horas, co enterro do Felipe, organizado pola veciñanza da parroquia do Xobre. A saída efectuarase desde O Campo do Maño e a queima realizarase no pantalán.
O rexedor expresou o seu agradecemento a todas aquelas persoas que fan posible o desenvolvemento de tódalas actividades, destacando que “cada ano imos un pouco a máis” referíndose, por exemplo, á ampliación das propostas a tódolos públicos.