
A sede do Centro de Información á Muller (CIM) de Ribeira foi escenario este mediodía da entrega de diplomas de dúas accións promovidas pola Fundación Amigos de Galicia en aras á inserción laboral das asistentes.
Dunha banda, tivo lugar o programa Em-Femenino, itinerario dirixido a promover a equidade de oportunidades para as persoas que, por razóns vinculadas co seu xénero, teñen maiores dificultades de acceso ao emprego. E doutra parte, un curso de repoñedora de grandes superficies.
No acto de entrega dos diplomas estiveron presentes o director da referida fundación, Jesús Busto, e a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, Ana Ruiz. Estas accións formativas contaron coa participación dun total de 22 mulleres, se ben non todas asistiron ao evento de hoxe porque, segundo manifestan desde o Concello, algunhas delas lograron un posto de traballo.