O goberno pobrense, formado por Nós Pobra e PSdeG-PSOE, avanzou este mediodía as actuacións que se enmarcarán no Plan de Obras e Servizos (POS+2020) da Deputación da Coruña, cun total de investimentos de 798.458’68 euros. Así, a institución provincial achegará 540.053’25 euros, mentres que ao Concello correspóndenlle 258.405’43 euros. Segundo destacou a concelleira de Facenda, Charo Varela, esta contía irá destinada integramente á diversas intervencións que se pretenden acometer no municipio, sen necesidade de dedicar ningunha cantidade ao pago a provedores, pois afirmou que non existen facturas pendentes no intervalo que a Deputación considera obrigatorio atribuír unha parte a ese apartado. Neste senso, incidiu en que “temos un saldo positivo e non temos que dedicar nada.”
A edil de Medio Ambiente, Genoveva Hermo, indicou que se empregarán 148.335’55 euros para a ampliación da rede de saneamento e pavimentación do lugar de O Freixo, na parroquia de Posmarcos. Deste xeito, dará servizo ás vivendas da referida área, en ambas bandas da autovía, polo que será necesaria atravesar por debaixo esta infraestrutura co obxectivo de non resultar preciso instalar un bombeo ao recoller tódalas augas a favor da gravidade. Isto é algo que consideran beneficioso porque “non vai haber gasto de enerxía e evítanse posibles avarías.” A obra tamén inclúe a reposición da totalidade do pavimento no tramo da estrada no que se actúa e que vai desde O Freixo a Ouxo. Deste xeito, complétase o feito cos POS dos tres anos anteriores, para dar servizo de Cadreche a San Isidro e a Ouxo, o cal se pretende executar neste 2020. Así mesmo, a intención do Concello é dar continuidade á ampliación do servizo cara O Vilariño, “importantísimo para toda esa zona.”
Seguidamente, a concelleira de Servizos Sociais, Servizos Municipais e Benestar Animal, Estefanía Ramos, manifestou que se utilizarán 68.667’60 euros para a mellora da accesibilidade na rúa Fernández Varela e na praza Manuel Escurís. Trátase de acometer obras que rebaixen as pendentes e faciliten a mobilidade nos dous cruces da marxe esquerda da citada rúa, nos semáforos cara O Lagar comprendidos entre o Teatro Cine Elma e o Bar Atlántico. A outra intervención radicará no paso á referida praza e a varios portais do edificio. Preténdese así ser consecuente cunha das liñas prioritarias para o goberno: mellorar a accesibilidade en todo o termo municipal. Algo que Estefanía Ramos expresou que xa o contemplaron “en varias beirarrúas e en tódolos proxectos que afectan a diferentes edificios do Concello nos últimos anos.”
A continuación, o edil de Participación Cidadá, José Andrés Lojo, abordou a cuestión relativa á reforma e ampliación do Centro Sociocultural do Camiño Ancho, contando cun investimento de 386.061 euros e que ten como finalidade “fomentar o tecido asociativo e a participación veciñal no noso concello e potenciar o movemento da asociación que xa hai no lugar do Camiño Ancho.” Contémplase habilitar na planta baixa unha sala de usos múltiples de 61’90 metros cadrados, ademais de tres espazos máis reducidos -como despachos ou almacén, por exemplo- e dous aseos -un con uso interior e outro con uso exterior-. No que respecta ao primeiro andar, disporase dunha sala de usos múltiples de 51’65 metros cadrados. En canto ao exterior, capacitarase un parque infantil -unha parte estará cuberta-, así como unha pista deportiva e de uso común.
Na súa intervención, a concelleira de Cultura e representante socialista no goberno municipal, Patricia Lojo, fixo unha valoración sobre o conxunto das actuacións. Deste xeito, apuntou que a formación á que pertence avalía de maneira “positiva” os proxectos presentados no POS, salientando que o saneamento e pavimentación de camiños ou a mellora da accesibilidade das rúas “é falar de proxectos totalmente necesarios para o noso concello.” Tamén se referiu ao Centro Sociocultural do Camiño Ancho, subliñando “a importancia que ten de dotar de infraestruturas ao noso rural”, ademais de que, como delegada da área de Cultura, entende que o salón de usos múltiples do primeiro piso “fainos moita falta para espazos culturais porque os necesitamos e temos moitas asociacións que os necesitan para levar a cabo tantas actividades como se desenvolven na Pobra.” Da mesma maneira, sinalou que estas intervencións “son froito do traballo do equipo de goberno mais tamén, e non menos importante, negociacións coa oposición, despois de haber mantido catro reunións de grupo de portavoces, e ser capaces de chegar a entendementos polo ben das veciñas e veciños da Pobra do Caramiñal.”
Finalmente, o alcalde e responsable das áreas de Obras e Urbanismo, Xosé Lois Piñeiro, explicou que se destinarán 195.394’43 euros para a reforma integral do Camiño Real, na fase 1, complementándose coa fase 2 con cargo na remanente de 2018. Esta obra incluirá a pavimentación, recollida de pluviais, zona de aparcamento, alumeado, construción de muros de contención e dotación de beirarrúas. Isto último, tal e como puntualizou, “un obxectivo primordial mellorar a seguridade das persoas viandantes desa zona e de calquera do concello, pero especialmente aí porque hai reclamacións de veciños e veciñas de que é necesario.” En conxunto, ambas fases abordarán 2/3 da totalidade do Camiño Real, quedando pendente o terzo final, a última parte de O Conchido. O rexedor aludiu ás negociacións mantidas coa oposición en catro xuntanzas, as cales “aínda non foron suficientes porque no pleno tivemos que facer un receso para rematar as negociacións no propio pleno.” Ademais, expuxo o compromiso adquirido coa oposición por parte do goberno local para a revisión de dous proxectos: por unha banda, en materia de accesibilidade, comprobarase e valorarase a posibilidade de instalar unha plataforma elevadora en lugar de construír unha rampla, razón pola que se contrastará con AMBAR e “serán quen nos diga que é o mellor”; e pola outra, en relación ao Centro Sociocultural do Camiño Ancho, para efectuar unha revisión á baixa intentando manter tódolos servizos comentados polo edil José Andrés Lojo, xa que “a oposición considera que é unha contía moi elevada para investir alí.” Despois, estas dúas cuestións serán levadas novamente a sesión plenaria para aprobalas. Outro dos compromisos adquiridos consiste en realizar as xestións oportunas para dotar de vestiarios aos mariscadores e mariscadoras na zona dos Raposiños, unha moción presentada polo BNG, e un eido no que o mandatario local sostén que “o grupo de goberno leva traballando nisto moito tempo.”
Todo isto foi aprobado por unanimidade no pleno celebrado o 18 de decembro de 2019.