Os grupos da corporación municipal de Ribeira recibirán esta semana un estudo comparativo cos custes da xestión municipal e autonómica da EDAR de Couso

A Casa Consistorial de Ribeira foi escenario esta mañá dunha xunta de voceiros co obxectivo de abordar a cuestión da transferencia ou non da EDAR de Couso ao Concello, pois o venres 31, ás 11.00 horas, son a data e hora marcadas por Augas de Galicia para a posta a disposición das instalacións segundo comunicou o ente autonómico nun escrito remitido no día de onte.

A xuntanza estivo presidida polo alcalde e contou coa participación dos voceiros e outros edís da corporación, así como técnicos municipais competentes na materia. Manuel Ruiz avanzou que no transcurso da presente semana será entregado aos grupos un estudo de custes comparativo que se está ultimando e que reflexará de forma detallada o importe a sufragar, tanto no suposto de que a estación depuradora fose xestionada pola Xunta de Galicia, coma no caso de que o mantemento e explotación da mesma dependese do Concello.

Ademais, o rexedor fixo partícipe aos asistentes de que antes do mércores 22 -día en que está prevista a reunión para presentar os resultados das auditorías externas a grupos municipais e veciñanza afectada- se iniciarán as obras para separar as augas pluviais que no polígono de Xarás aínda verten ao colector industrial -unha actuación adxudicada a Excavaciones Nima cun investimento de 131.000 euros- e vai estar autorizado o gasto para unha segunda intervención de mellora da impulsión nas bombas situadas no entorno de García Bayón, o cal evitará que teña que funcionar o aliviadoiro alí existente agás fallo total das mesmas.

Así mesmo, prevese dar comezo á licitación para o cambio de canle nos Areeiros, unha actuación que non se considerou levar a cabo no 2019, xa que desde o Concello manifestan que antes había que solucionar o problema de que, á hora de emprender esa obra, o paseo de madeira quedaría cortado.

A intención do Executivo segue sendo convocar un pleno extraordinario e urxente para o xoves 30 coa finalidade de que a corporación municipal adopte unha decisión definitiva antes da data fixada por Augas de Galicia para a posta en disposición das instalacións.