
O Centro de Atención Integral da Asociación Amicos situado no municipio de Boiro albergou esta mañá a entrega dos diplomas relativos aos cursos que se impartiron ao longo do 2019 en colaboración coa Fundación ONCE e con FSC Inserta, exercendo Macarena e Miguel como mestres de cerimonia.
Ao acto asistiron a directora territorial de FSC Inserta, Menchu Iglesias; o consultor sénior de FSC Inserta, Mauricio Martínez; o tenente de alcalde de Boiro, José Luís Ruiz; o xefe do Distrito Forestal IV-Noia, Xabier González; Álex González, do Distrito Forestal IV-Noia; a presidenta da Asociación Amicos, Esther Vidal; e o director xeral da referida asociación, Xoán España.
A directora territorial de FSC Inserta, Menchu Iglesias, fixo fincapé na necesidade de que as Administracións públicas, as empresas privadas e as asociacións sexan as impulsoras da igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade; ademais de manifestar a súa vontade de seguir colaborando nestas accións formativas.
Na súa intervención, tanto Xabier González, do Distrito Forestal IV, coma José Luís Ruiz, tenente de alcalde de Boiro, expresaron o seu desexo de seguir colaborando coa Asociación Amicos en proporcionar oportunidades laborais.
Pola súa banda, a presidenta da nomeada asociación, Esther Vidal, agradeceu a implicación de tódolos axentes presentes no acto e salientou a colaboración con FSC Inserta e Fundación ONCE, precisando que sen elas non se poderían desenvolver estas accións formativas.
Así mesmo, durante o transcurso da cita deuse a oportunidade de coñecer de primeira man as impresións de varios participantes neste proxecto. Macarena e Miguel puxeron de manifesto as súas aprendizaxes, agradecendo o traballo dos docentes; mentres que Noelia e Ricardo agradeceron o feito de que esta formación lles axudase a acadar un emprego.
Ademais, o alumnado proxectou un vídeo de tódalas accións desenvolvidas nestes cursos.

No marco da colaboración anteriormente mencionada, ao longo do pasado ano impartiuse Itinerario de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes (200 horas), coa participación de 10 persoas con discapacidade; Actividades Auxiliares de Conserxe (180 horas), con 14 alumnos con discapacidade; Auxiliar de Almacén (276 horas), coa participación de 6 alumnos; e Job Coaching, Habilidades Persoais (224 horas), con 6 alumnos.
Deste xeito, impartíronse 920 horas de formación a 28 persoas que se concretaron en 7 insercións laborais, o que supón un 25% do total. Estas accións enmárcanse dentro da área de Empresas e Emprego que conta cun equipo de profesionais que acompaña ás persoas con discapacidade no seu proceso de crecemento persoal. Desde este ámbito, no ano 2019 atendéronse 318 persoas, impartíronse máis de 3.000 horas de formación e acadáronse 65 insercións laborais.
Para rematar a xornada, os presentes compartiron un café e estableceron alicerces para novos proxectos nun futuro próximo.