Veinteseis obras (23 óleos e 3 esculturas) conforman a exposición retrospectiva que, baixo o título “Mis etapas”, se exhibe dende a noite de onte no Centro Cultural Lustres Rivas en torno á figura do artista noiés Manuel Romero.
A concelleira de Cultura, María Sampedro, o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, e o propio creador efectuaron as intervencións integrantes dun acto inaugural no que todos os asistentes recibiron un catálogo elaborado ao efecto para a mostra.
O primeiro en dirixirse ao público foi Manuel Cartea, quen dedicou boa parte do seu discurso a trazar unha semblanza biográfica do homenaxeado, comezando polo seu nacemento en Noia en 1943 no seo dunha familia moi humilde; o seu traslado á Coruña con tres anos de idade e a case inmediata morte do pai, a posterior abandono da nai, a penuria conseguinte, tendo que chegar a roubar e a pedir esmola, a inclusión no hospicio, os problemas vividos en colexios relixiosos e o servizo militar.
Despois emigrou a Londres, onde se dedica á hostalería con éxito e logo con corenta anos vive o que Cartea describiu como unha “epifanía”: comeza a estudar debuxo en escolas nocturnas, ingresa na Universidade de Kingston para cursar Belas Artes e logo conseguiu facer un Master en arte no elitista King’s College, sendo o segundo español que conseguira entrar. Logrou matrícula de honra. Exerce de profesor en Kingston e abre unha galería en Londres e triunfa como artista.
Cartea comparou a Manuel Romero a grandes tótems da pintura do século XX como Francis Bacon ou Lucian Freud, tal vez os dous autores máis representativos da neofiguración.
A continuación falou Manuel Romero, quen se sentiu agradecido pola organización desta mostra e tamén tivo palabras de gratitude e afecto para a súa dona, Esther. Dedicou a maior parte da súa intervención a explicar a evolución que viviu como escritor, adentrándose pouco a pouco nos estilos máis característicos do século XX, aprendendo e experimentando con diferentes técnicas.
Curiosamente, lembrou os tempos nos que de vez en cando “tomaba unhas cervexas” cos antes citados Francis Bacon e Lucian Freud, ademais de con David Hockney, que estudiou con el e está considerado tamén un dos grandes creadores da arte contemporánea. De todos eles destacou a súa gran humildade pese a estar xa no máis alto, sempre interesados en coñecer novas técnicas e seguir aprendendo.
Pechou a edil María Sampedro, quen amosou o orgullo do Concello por abrir o 2020 no Lustres Rivas con esta exposición e manifestou que falar de Manuel Romero é falar de “Cultura con maiúsculas.
“Mis etapas” amosarase ata o 29 de febreiro. Poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.
Un dos lenzos exhibidos, titulado “Puerto de Riveira y Club Náutico”, será doado polo artista ao noso Concello.