Feijóo enxalza a obra de Manuel Gallego, o prestixioso arquitecto que comezou a súa carreira en Corrubedo

Manuel Gallego Jorreto, o arquitecto de Carballiño que comezou a súa máis que destacada carreira construtiva en Corrubedo (Ribeira), a cabalo entre o ano 1969 e o 1970, vén de ser obxecto dun importante recoñecemento: o lanzamento do monográfico que lle adica o quinto número da revista Archives, que foi presentado hoxe pola tarde nun relevante acto institucional no que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O titular do Goberno galego salientou a obra e a traxectoria de Gallego Jarreto, xa que “logrou superar en cada proxecto a tensión entre a arquitectura case espontánea que floreceu noutros tempos en Galicia e a evolucionada”, que sitúa á Comunidade no que sería, nas súas palabras, “o Olimpo internacional dos arquitectos”.

Vivenda unifamiliar en Corrubedo, 1969-1970 ® Manuel Gallego Jorreto.

Como dixemos, o prestixioso nome de Gallego Jorreto irá para sempre ligado á arquitectura de Corrubedo, vila mariñeira que aglutinou e segue aglutinando proxectos vangardistas dalgúns dos principais arquitectos da modernidade. No caso de Gallego Jorreto, a súa contribución veu demostrar, en plenos anos do chamado “desarrollismo”, que determinados proxectos construtivos non só non prexudican a paisaxe na que se insiren, senón que teñen o poder de mellorala e contribuír ao seu destaque. O seu exemplo de casa unifamiliar nos terreos lindeiros á praia da Ladeira, no outeiro que permite a visión das dunas, do Vilar e do Atlántico, é un exemplo perfecto desta comuñón co medio natural. Segundo fixo saber nunha entrevista recente o propio homenaxeado, “a nosa casa de Corrubedo estaba nun sitio marabilloso e é, sen dúbida, o máis rotundo dos meus edificios, é case unha ferramenta, un periscopio que ergue a cabeza para mirar, que varre o vento por detrás”.

Máis datos da presentación da revista

Durante a presentación do quinto número da revista Archives, adicada ao traballo de Manuel Gallego Jorreto, Feijóo referiuse aos numerosos premios e distincións que recibiu este arquitecto galego, destacando, entre outros, o Premio Nacional de Arquitectura en 1997 pola obra do museo de Belas Artes da Coruña, que representa, segundo explicou, “esa confluencia entre o pasado e presente tan propia do noso”. Manuel Gallego, engadiu, “axúdanos a regresar sempre a Galicia, e sempre hai na súa obra unha Galicia que nos espera”.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que o arquitecto non se sente cautivo dunha moda, dunha escola ou mesmo das súas obras precedentes, “senón que proxecta e constrúe tendo como divisa esa teima por mellorar a vida humana”.