O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe axudas por valor de 9.000 euros para que os autónomos poidan financiar ata o 75% do custe da escola infantil do primeiro fillo durante o primeiro ano e poidan contratar unha persoa que substitúa á nai ou pai autónomo que acaba de ter un fillo. Neste senso, expuxo “estamos a falar dun programa que consiste en primeiro lugar nunha axuda de 6.000 euros para que poidan contratar a un traballador que substitúa ao pai ou nai autónomo que acabe de ter un fillo e, adicionalmente, terán unha axuda de ata 3.000 euros para financiar o 75% da escola pública durante o primeiro ano.”
Durante unha visita á escola infantil A Tomada, na Pobra do Caramiñal, e acompañado, entre outros, da conselleira de Política Social, Fabiola García; o alcalde do municipio, Xosé Lois Piñeiro; e o voceiro do grupo municipal do PP e presidente da asociación de empresarios do polígono, Manuel Durán; Feijóo afirmou que a Xunta seguirá comprometida para garantir as máximas facilidades e o máximo apoio para as persoas que toman a decisión de ter fillos. E, referiuse a este centro, aberto polo colectivo de propietarios do parque cunha axuda da Xunta de 200.000 euros, como unha “boa mostra do camiño a seguir, contando coa implicación decidida do tecido empresarial e cun apoio contundente da Administración autonómica.”
Feijóo avogou así pola colaboración “leal e estreita” entre os axentes privados e as Administracións públicas para afrontar o reto de dotar de tódalas facilidades de conciliación ás familias galegas. E precisou que esta liña de apoios permitiu impulsar outras dúas escolas infantís: a de Río do Pozo, en Narón, e a do polígono de Mos.
Así mesmo, recordou que a partir do vindeiro 1 de abril, 12.500 crianzas de Galicia poderán ir á escola infantil de xeito totalmente gratuíto. “Non importa se se trata dun centro público, concertado ou privado”, dixo, incidindo en que as familias non terán que pagar nin un só euro pola educación infantil do seu segundo fillo en adiante, xa que será a Xunta a que asuma integramente o custe das mensualidades da escola infantil.
Deste xeito, Galicia convértese na primeira comunidade de España que toma esta decisión, “con independencia da idade do primeiro fillo e con independencia da situación desa familia”, matizou.
O presidente da Xunta aseverou que a conciliación seguirá a ser unha das grandes prioridades da Administración autonómica e confirmou que mañá mesmo, a nova Lei de impulso demográfico será aprobada definitivamente no Consello da Xunta para ser remitido ao Parlamento. Un documento, dixo, que incorporou a gran maioría das achegas do Consello Económico e Social, como mostra desa vocación de consenso.
Por último, Feijóo concluíu recordando que, hoxe, os galegos contan con máis alternativas para conciliar, xa que o número de prazas públicas de escolas infantís se duplicou desde o ano 2009, chegando ás 25.000 actuais; con máis prestacións, coma a Tarxeta Benvida, que vén de mellorarse para as familias numerosas e as que viven no rural; coma a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade; e con outros apoios coma o Bono Coidado.