
O futuro para os mamíferos mariños presentes na contorna das Rías Baixas non é precisamente alentador. Sobre todo para especies que adoitaban ser moi numerosas, como por exemplo a toniña, que, segundo os últimos estudos, desaparecería das nosas augas nun prazo de 20 anos se non se tomas medidas eficaces para evitar a súa morte por mor das actividades pesqueiras. Estes e outros preocupantes datos veñen incluídos no informe do proxecto Virada, que lidera a coordinadora CEMMA xunto con outras entidades galegas e que ten por obxectivo reducir a mortalidade de mamíferos mariños por captura accidental en artes de pesca, poñendo o foco na toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia

Segundo informa a coordinadora, o traballo realizarase ao longo de 2020 na Ría de Arousa e nas restantes Rías Baixas. Levaranse a cabo mostraxes a bordo de barcos de pesca e entrevistas aos mariñeiros. Tamén se realizará unha campaña de seguimento de cetáceos, a bordo dun veleiro, coa participación de voluntariado.
O proxecto conta cun orzamento total de 85.021,60 €, e obtivo a máxima valoración na resolución da Convocatoria Pleamar 2019, ocupando o primeiro posto dun total de 87 proxectos presentados. Está integrado no LIFE IP Intemares, o maior proxecto de conservación de fauna mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.
O obxectivo concreto de Virada é “contribuír á protección da biodiversidade mariña e á sustentabilidade da pesca mediante a redución das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro”. Tamén se pretende afondar no coñecemento da interacción cetáceos-pesca e o esforzo pesqueiro que se aplica nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas, como primeira medida para poder avaliar os efectos negativos (capturas accidentais) da actividade pesqueira sobre o medio mariño. Outro dos obxectivos específicos é avaliar a magnitude do impacto da mortalidade por captura accidental en artes de pesca sobre as ditas poboacións.
A orixe da iniciativa está na necesidade atallar unhas taxas dramáticas de desaparición nas nosas costas das devanditas especies. Como dixemos, os datos recopilados pola CEMMA na costa de Galicia ao longo dos últimos 30 anos, son nas súas palabras “demoledores”: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade deles mortos por captura accidental en artes de pesca.