No pleno extraordinario e urxente do 30 de xaneiro, a corporación municipal de Ribeira volveu abordar a cuestión relativa á EDAR. Primeiramente, efectuouse a ratificación da urxencia da sesión, a cal saíu adiante co respaldo do PP, BNG e PSdeG-PSOE, a pesar dos votos en contra do PBBI e Suma Ribeira. A postura do PBBI fundamentábase, segundo explicou o seu voceiro Vicente Mariño, en que a celebración deste pleno a consideraban “unha tomadura de pelo”, esgrimindo que recibiran a auditoría encargada polo Concello na tarde da xornada anterior, polo que non puideran ler as máis de 1.500 follas. A este respecto tamén se amosou crítico o portavoz de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, quen entendía como “irresponsabilidade política” votar sobre este asunto sen ter coñecemento pormenorizado sobre o mesmo. Mentres tanto, o resto de grupos consideraban xustificada a urxencia, ademais de que dispuxeran da posibilidade de preguntarlle as súas dúbidas aos técnicos. O rexedor Manuel Ruiz engadiu que existían dúas páxinas de conclusións onde se explicitaba o contido do estudo.
Seguidamente, procedeuse a tratar o punto da orde do día referente ao convenio entre Augas de Galicia e o Concello para a cesión da explotación da EDAR de Ribeira, sendo aprobado co apoio do PP e PSdeG-PSOE, absténdose BNG e Suma Ribeira e votando en contra PBBI. Na proposta da Alcaldía incluíanse achegas do BNG (unha auditoría enerxética e o estudo da viabilidade de instalar fontes de enerxía renovable), PSdeG-PSOE (realización dun estudo sobre os custes-beneficios que suporía unha xestión directa do servizo a través de empresa pública municipal de todo o ciclo da auga) e Suma Ribeira (establecer como prioritarias a execución de obrantes tendentes a diminución progresiva das augas pluviais que chegan ás estacións depuradoras, separándoas das augas residuais urbanas). Xurxo Ferrón, de Suma Ribeira, manifestou que formación á que representa “segue sen estar disposta a asumir a normalización das eivas comentadas.” Tamén incidiu en que todo o sistema de saneamento e depuración se debía entender coma un todo, complexo e interdependente. O concelleiro nacionalista Luís Pérez Barral avogou pola xestión municipal, pero “non podemos aceptar a calquera prezo unha cesión e tendo en conta que hai cuestións importantes pendentes de resolver.” O voceiro do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas, indicou que, entre as condicións do seu partido, atopábase que as auditorías confirmasen que a EDAR e toda a infraestrutura funcionan correctamente, o cal corroboraron os técnicos. Herminia Pouso, edil do PBBI, recalcou que non tiveran tempo de estudar a auditoría, polo que “non imos emitir un voto favorable.” Pola súa banda, María Sampedro, do PP, apuntou que “outros seguen coa mesma actitude de bloqueo, do non por resposta, e non mostraron o máis mínimo interese en buscar ou chegar a unha solución.” Así mesmo, destacou que se levaran dúas auditorías, as cales foran presentadas ante a corporación e veciñanza.
Finalmente, abordouse a ordenanza fiscal, saíndo adiante cos votos a favor do PP, absténdose o PSdeG-PSOE, BNG e Suma Ribeira, e votando en contra o PBBI. O alcalde Manuel Ruiz precisou que, este ano, o Concello terá que asumir un custe negativo de ao redor de 281.000 euros, dado que o número de meses de gasto supera ao de ingresos. Neste punto incorporáronse as emendas do BNG, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira. Establecéronse bonificacións do 50% para as persoas que cobran a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), aquelas que cobran pensións non contributivas, familias de tres membros que non cobren máis do 2’5 do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e familias numerosas que non cobren máis do 2’5 do salario mínimo interprofesional.