R prevé dotar de fibra óptica a preto de 30 núcleos de Arousa Norte

19 Decembro 2019
O símbolo da operadora galega diante do porto de Muros

Co gallo de estarmos en plena recta final de 2019, a operadora de cable R vén de facer reconto dos seus avances pasados (e futuros) en materia de equipar aos municipios galegos de redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica (tecnoloxía FTTH de última xeración). Segundo fai saber a operadora de cable de raizame galega, o ano está a piques de pechar con 808.000 fogares e 194.000 negocios conectados á devandita rede avanzada de seu, o que significa que a compañía foi quen de superar o fito do millón de residencias particulares e empresas preparadas para recibir os seus servizos de última xeración. En total, 1.002.000 domicilios e negocios da nosa terra. Por comarcas, a de Barbanza atópase entre as máis beneficiadas, tal e como se aprecia no mapa de cobertura de fibra óptica habilitado pola empresa de cable, no que vemos como se concentran as iconas de dispoñibilidade no arco trazado dende Rianxo até Ribeira.

Por localidades de Arousa Norte, está presente en Aguiño, Ribeira, Artes, Palmeira, A Pobra do Caramiñal, Escarabote, Boiro, Cabo de Cruz e Rianxo. Pola outra beira da ría, a fibra avanzada de R chegou xa a Porto do Son, Portosín, Noia e Muros (Acea, Virxe do Camiño e Muros).

Isto polo que se refire aos fitos de cobertura xa acadados pero, segundo nos lembra a operadora, aínda hai traballo pendente por facer. A nivel de Barbanza, as previsións son levar a dita tecnoloxía de acceso a Internet, ao abeiro dos novos plans dos Gobernos central e galego, a preto de 40.000 veciños de Barbanza, Muros e Noia. E todo nun prazo de menos de dous anos (de aquí a 2021). Porase o foco nos núcleos de poboación pertencentes á área de Zonas Brancas NGA, ou sexa, nas contornas onde non hai previsión do sector das telecomunicacións por aplicar infraestrutura a curto ou medio prazo.

En Arousa Norte o plan é de dotar das ditas infraestruturas a uns 30 núcleos. A listaxe de Boiro (a máis completa) achegada polo Ministerio de Industria estaría conformada polas seguintes vilas e aldeas: Pedra da Bouza, Quintáns, O Saltiño, Abanqueiro, Chancelas, O Chazo, San Martiño, Ponte Beluso, Coroño, Aldea de Arriba, Cariño, Esteiro e Nine. Polo que se refire a Rianxo, entran dentro das candidatas as seguintes poboacións: Somoza, Montegrande, A Vacariza, Quintáns, As Miráns, Traba, Os Xens e Fachán. En Ribeira, A Graña, Sirves e Olveira; e en Pobra inclúense A Mirandela, Lesón, Castro, Crocha e A Lomba.

Os plans

R desenvolve neste intre varios proxectos das adxudicacións do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración do Ministerio de Economía e Empresa, co que se promove o despregue de FTTH (fibra até o fogar) nas chamadas “zonas brancas”, que son, como dixemos antes, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento. Cando se completen os traballos de cobertura dos proxectos do Plan PEBA-Plan Avanza adxudicados a R en 2016 e 2018, o investimento total realizado (tanto en novas localidades como nas que xa había rede de R) alcanzará os 18 millóns de euros, co-financiados polos fondos FEDER da Unión Europea a través de devandito programa.

Outros artigos

Venres 6 con chuvascos fortes acompañados localmente de treboada

Na xornada do venres os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos que comezarán pola mañá na provincia da Coruña e que co avance do día irán chegando ao resto da Comunidade. As precipitacións serán localmente treboentas e poderán vir acompañadas de sarabia. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión