O parque empresarial de Rianxo, un dos 13 que xestiona Solo Empresarial do Atlántico (SEA) en Galicia, continuará o seu crecemento nos vindeiros meses logo da nova venda subscrita este mércores 18 pola súa xerente, Beatriz Sestayo, por unha banda, e os responsábeis da empresa local Proameixa Fernández S.L., pola outra. Segundo informou SEA, trátase da adquisición dunha parcela de 1.125 metros cadrados, por un importe de 95.287 euros, que é lindeira ás instalacións nas que xa opera Proameixa en Rianxo e que lle permitirá a esta empresa “afrontar unha próxima ampliación”. Na actual nave, a empresa desenvolve actividades de cetaria, depuradora de mariscos e centro de expedición.
A compañía local, que distribúe produto pesqueiro fresco en mercados de toda España, prevé tamén ampliar nun futuro o seu actual persoal en Rianxo, conformada por nove empregados, en cando cumpra á ampliación de instalacións, segundo explicou José Manuel Fernández Muñiz, un dos responsábeis da empresa. Trala sinatura, o equipo impulsor de Proameixa (José Manuel Fernández Muñiz, Antonio Fernández Muñiz e Roberto Fernández Muñiz) convidaron á xerente de SEA, Beatriz Sestayo, a coñecer as súas actuais dependencias.
Sestayo lembrou que esta operación de venda súmase á realizada en novembro tamén en Rianxo a Potel Torres Transportes, dunha parcela de 3.466 metros cadrados, por un valor de 231.584 euros e que “permitirá trasladar ao concello barbanzán as instalacións dunha empresa que conta con preto de 40 empregados”.
O parque empresarial de Rianxo, con menos de dez anos de existencia, chega así ao 40% de superficie vendida, tras as últimas operacións asinadas, cunha decena de empresas instaladas. O complexo, ademais, conta cunha superficie bruta de 317.728 metros cadrados e neta de 201.864.