O BNG de Ribeira presenta alegacións para reducir a suba de cen euros anuais en saneamento

23 Decembro 2019
Cedida por BNG de Ribeira

O grupo municipal do BNG considera “escandalosa” a modificación proposta polo goberno ribeirense no que respecta á taxa de saneamento, contemplándose unha suba de ao redor dos 100 euros anuais. Neste senso, veñen de rexistrar alegacións cunha batería de medidas destinadas a “beneficiar ao conxunto da veciñanza, negocios e colectivos bonificados”, ademais de frear “esta suba por unha planificación nefasta.”

Os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral entenden que o Concello de Ribeira debe garantir un sistema de depuración de augas residuais cun funcionamento correcto que preserve o medio natural e mariño, pola riqueza e diversidade que este presenta, así como porque é o medio de traballo de centos de persoas ligadas á actividade do mar, pero “debe ter uns custes razoábeis.”

Os nacionalistas explican que no prego de cláusulas que o Concello estableceu pódese ver que o custe total da explotación é de 1.454.688’81 euros/ano, IVE incluído, que se distribúen da seguinte maneira: custes de mantemento (424.800 euros), custes mantemento (100.470 euros), custes variables de subministración enerxía eléctrica (300.000 euros), custes cumprimento autorización de vertedura (132.000 euros), custes asociados a medios externos ao servizo (53.000 euros), gastos xerais (131.335 euros), beneficio industrial (60.616 euros).

Dentro desta estrutura de gastos o Bloque non formula rebaixar os custes de mantemento, ao incluírse os salarios do persoal e “co fin de garantir unhas condicións laborais e un salario digno.” Ademais dentro dos custes de mantemento e asociados a medios externos, cren que tampouco se debe reducir por estar incluídas as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar, polo que o mantemento “debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.”

Non obstante, os nacionalistas opóñense ao “tarifazo” en relación á cifra mencionada anteriormente, pois consideran esta cantidade “totalmente insostíbel para as economías da clase traballadora.”

O edil Luís Pérez Barral manifesta que esta medida débese ao “nefasto modelo escollido polo Partido Popular ao facer unha macrodepuradora que ten que impulsar os residuos durante quilómetros até chegar a Couso.” Segundo argumentou, “o modelo promovido polo Bloque sempre foi outro, consistente na construción de dúas depuradoras o que permitiría rebaixar tanto o custe enerxético da estación como o dos bombeos e, por conseguinte, o custe total da explotación.”

Pérez Barral detallou que as posibilidades para rebaixar o custe que terá a infraestrutura pasan por atallar o gasto de electricidade, polo que a proposta que fai o Bloque é que se realice unha auditoría do gasto enerxético para analizar medidas que permitan diminuír o consumo eléctrico. Tamén propoñen que o Concello de Ribeira faga investimentos para producir electricidade a partir de fontes renovables, nomeadamente en enerxía solar e eólica de pequena escala. Tal e como expuxo Pérez Barral, “a electricidade producida iría destinada ao autoconsumo de toda ou parte da demanda de consumo da propia EDAR e, polo tanto, permitiría rebaixar directamente o recibo.”

Por outra banda, para conseguir unha rebaixa directa dun mínimo de 21 euros á veciñanza, propoñen que o Concello de Ribeira destine 250.000 euros para impedir a referida suba “co fin de evitar que sexa insoportábel para a economía de moitas persoas.” Deste xeito, indican que a partida iría reducíndose medida que se vaia producindo electricidade a partir das citadas fontes renovables.

Con respecto ás reducións, o Bloque cre que é “claramente insuficiente” que só poidan optar á redución do 50% do custe as persoas que cobran a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), polo que propoñen aumentar as reducións aos colectivos máis vulnerables que poden acollerse a estas reducións coma, por exemplo, as persoas que cobran pensións non contributivas, persoas con discapacidade recoñecida e as unidades familiares que teñan uns ingresos iguais ou inferiores a 2’5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.