
A serie da Televisión de Galicia Do dereito e do revés, boa parte da cal foi rodada nas rúas de Rianxo, xa ten data para a súa estrea na grella da canle autonómica (logo da súa preestrea o pasado martes no Auditorio de Abanca da rúa Preguntoiro de Santiago). Será este mércores 4 de decembro cando os espectadores da TVG teñan ao seu dispor o primeiro capítulo nas súas pantallas.
Creada por Xosé Cermeño, a serie está protagonizada por Víctor Fábregas e Sergio Pazos, amais da ribeirense Susana Sampedro, Casilda Alfaro, Alberte Montes, Xoel Fernández e Alicia Armenteros. Do dereito e do revés é proxecto de Think First, en colaboración con CTV.

Respecto do argumento, trátase dunha comedia sobre preitos e sobre xente da nosa terra que precisa meterse neles e, tamén, que os demais se metan neles. Por exemplo Adela, unha muller que volve á vila onde ten as súas raíces familiares e algunhas propiedades, e que se reencontra co seu fillo, Moncho Patiño, un avogado sen moito éxito, separado de Sara, unha muller con iniciativa e dona dun ximnasio de artes marciais. A trama voa cando se centra no traballo de Moncho e en como a súa vida persoal acaba por ensarillarse co seu labor profesional (centrado nos conflitos e problemas das veciñas e dos veciños).

A serie está dirixida por Manuel Espiñeira (Serramoura) e, como dixemos, ten guións de Xosé Cermeño, creador dunha serie histórica da galega: Pratos combinados. En palabras da TVG, “a comedia inclúe a presenza de tres xeracións de mundos moi distintos que axudan a disparar os conflitos en todas as direccións, todo isto con ironía, pingas de tenrura e humor branco”. A canle autonómica engade que se trata dun achegamento a asuntos de contido familiar “que lle achegarán á audiencia personaxes, escenarios e ambientes vinculados á vida común da xente de Galicia”.