O salón de plenos de Ribeira viviu este mediodía unha sesión extraordinaria e urxente para aprobar as actuacións que se incluirán no Plan Único da Deputación da Coruña, contando coa ausencia de Rita Rial, do PSdeG-PSOE, e de Lola Elorduy, do PBBI. Despois de proceder á ratificación da urxencia da sesión e á aprobación da sesión ordinaria do 26 de novembro, o alcalde Manuel Ruiz presentou as propostas coas que agardaba que “nos sintamos representados todos, independentemente de que considero que este non é un plan de obras no que ningún grupo se vai sentir enteiramente visto, incluso nin o meu.” Entre as actuacións inclúense pavimentacións, saneamento, redución da débeda con entidades financeiras, abastecemento e renovación do alumeado público. Neste senso, manifestou que “seguramente hai outras co mesmo carácter de prioritario que estas, seguramente hai outras que poderían estar en lugar destas, pero ningunha das que hoxe traemos se pode considerar que non teña esa característica de prioritaria, necesaria e ineludible facer canto antes.”
A continuación, interviñeron representantes dos distintos grupos municipais. Así, Xurxo Ferrón, voceiro de Suma Ribeira, expresou que “non temos coñecemento nin cremos que exista unha planificación de prioridade en canto a carencias de servizo.” Tamén indicou que non dubida da importancia das intervencións, pero explicou que sería desexable a elaboración de estudos técnicos para determinar as carencias e prioridades de investimentos.
Pola súa parte, Luís Pérez Barral, concelleiro do BNG, salientou que algunhas das obras foron levadas a pleno por parte do grupo municipal ao que pertence, pero sinalou que “estamos en contra da súa actuación como goberno.” Entre os motivos esgrimidos figuraban a petición de convocar formalmente aos partidos para dialogar, “non nos vale a desculpa de que estas obras pasaron por pleno porque, quizais, as prioridades de cada grupo tiveran sido outras.” Da mesma maneira, solicitou a mellora das canles de participacións dos grupos.
Ante isto, o rexedor contestou que “o diálogo é cousa de dous, non só de quen está a falar. Si ben é verdade que, do mesmo xeito, sabendo que é a data de decembro na que se celebra este pleno, as suxerencias serían ben recibidas. O que teño que facer é unha proposta que coincida con todas as sensibilidades, que encaixe numericamente e que, para que non nos volva pasar o mesmo, eu vou instando aos grupos a que me digan cales son as prioridades para os presupostos. Eu non teño inconveniente ningún en manter xuntanzas con todos.” Así mesmo, engadiu que “sinto se non foi a canle adecuada e intentaremos melloralo para os presupostos.”
O portavoz do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a implicación da institución provincial, así como do seu presidente e equipo de goberno. En canto ás actuacións, expuxo unha suxestión en relación á renovación de servizos e pavimentación na rúa Américas, en Aguiño, efectuando unha modificación e ampliación das beirarrúas, coa consecuente redución da calzada, co obxectivo de mellorar a accesibilidade. Do mesmo xeito, referiuse a unha mellora do alumeado da rúa Lugo, Galicia e Rosalía de Castro, consistente na substitución das luminarias e ampliación da potencia, así como “a colocación de brazos en zonas sombrías a ambas marxes das rúas.”
A sesión crispouse durante a intervención de Vicente Mariño, voceiro do PBBI, quen, dirixíndose ao alcalde, apuntou que “unha vez máis, vostede e os seus socios cooperantes, eses necesarios para subir taxas e malvender o matadoiro, pois entendo que negociaron este POS.” Por esta razón, reclamou a convocatoria dunha mesa de partidos onde negociar un listado de obras. Mariño de Bricio insinuou que “hai xente que negociou por debaixo da mesa, por riba da mesa, con outros socios.” Este comentario xerou queixas ao ser interpretado por algúns dos presentes como machista.
Finalmente, a proposta saíu adiante cos votos a favor do PP, PBBI e PSdeG-PSOE, absténdose BNG e Suma Ribeira.
Pavimentación de camiño en Gándara (Artes) – 34.413’63 euros
Renovación servizos e pavimentación en rúa das Américas (Aguiño) – 182.934’89 euros
Instalación rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar de Agrelo (Olveira-Oleiros) – 194.823’52 euros
Pavimentación e pluviais en rúa do Castro (Castiñeiras) – 99.749’40 euros
Redución débeda con entidades financeiras – 108.201’42 euros
Renovación servizos e pavimentación de rúa Falcato e Travesía (Corrubedo) – 76.133’13 euros
Pavimentación de praza da Amarella – 58.464’19 euros
Renovación da liña de abastecemento na DP-7305 (Carreira) – 133.614’08 euros
Instalación rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar de Canabeiro (Oleiros) – 134.377’47 euros
Pavimentación de rúa Romero Ortiz (Ribeira) – 164.161’24 euros
Instalación rede de saneamento e abastecemento no lugar de Sampedro (Palmeira) – 130.919’88 euros
Renovación do alumeado público na rúa Galicia – 39.204’00 euros
Renovación do alumeado público na rúa Lugo e rúa Rosalía de Castro – 18.295’20 euros