A Serea de Sálvora e outros grandes persoeiros da cultura popular mariña centran un parladoiro do CCG

10 Decembro 2019

As nosas lendas, mitos e aventuras mariñas van estar presentes no novo parladoiro do Consello da Cultura Galega que se celebra este mércores 11 no Museo de Pontevedra, a partir das 19.30 horas. A actividade, que se desenvolve baixo o epígrafe A Galicia navegante no imaxinario literario, está coordinada por Dolores Vilavedra, presidenta do CCG, e conta coas participacións do palmeirense Pemón Bouzas, Víctor Freixanes e María Solar.

Ofrecerásenos un percorrido pola cultura popular mariña (poboada por personaxes que nos tocan de preto, como a Serea de Sálvora, entre outras heroínas lendarias e seres mitolóxicos que chegaron á nosa costa ou saíron dela) e pola presenza do mar personificado en novelas como O triángulo da circunferencia de Víctor Freixanes, As luces do Norte de Pemón Bouzas ou Os nenos da varíola de María Solar, entre moitas outras contribucións literarias, centrarán boa parte do faladoiro.

A cita pretende reflexionar sobre a importancia do mar e das navegacións na literatura ao fío da exposición Inventio mundi (Museo de Pontevedra, ata o 14 de xaneiro) coa que o CCG pretende dar a coñecer as repercusións que tivo para Galicia a primeira circunnavegación da Terra, a expedición de Magalhães-Elcano.

A cita comezará ás 19:30 horas, no andar da zona acristalada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela e secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, exercerá como coordinadora deste encontro no que participan tres autores que escribiron novelas relacionadas co mundo do mar e da navegación.

Pemón Bouzas (Palmeira-Ribeira, 1957) é un escritor cunha ampla bibliografía relacionada co mundo mariño. Na súa intervención fará un repaso da investigación que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como foron Mourelle de la Rúa ou Francisco Caamaño.

Outro feito histórico, a expedición Balmis, que partiu do porto da Coruña coa vacina para paliar o andazo de varíola que sufría América, é o que conta María Solar (Santiago de Compostela, 1970) na súa novela Os nenos da varíola, sobre a que afondará na súa intervención.

No mar, no quimérico Mar dos Espellos, transcorre O Triángulo inscrito na circunferencia, a primeira e premiada novela de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951), que mestura o real e o irreal, o tanxíbel e o imaxinado, a partir da que fará unha achega da relación entre literatura e o mundo mariño na cultura galega.

Parladoiro sobre os feitos históricos

O vindeiro mércores 18 terá lugar un segundo parladoiro, desta volta centrado nos datos e feitos históricos. A Galicia navegante na investigación histórica contará coa participación de Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó e Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao.

Outros artigos

En Ribeira detectado un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres

Corresponden a cinco exemplares de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), dos cales catro foron recollidos en Xove e o quinto en Ribeira. A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...