O rianxeiro Gonzalo Hermo recibe o premio Repsol

27 Novembro 2019

A sede da Fundación Paideia acolleu onte tarde a entrega do XIII Premio de Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, que como xa fixemos saber este mes de setembro, foi dar este ano ao escritor rianxeiro Gonzalo Hermo pola obra Diario dun enterro. Trátase dun galardón que convoca conxuntamente a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol, dotado con 12.000 euros e que contempla a publicación do libro pola Editorial Galaxia.

O acto foi presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e nel tamén participaron a subdirectora da Área Institucional da Fundación Repsol, Arantzazu Hernánz; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e o propio poeta de Rianxo. Sobre Hermo e o seu máis que relevante traballo poético e (agora tamén) novelístico, Román Rodríguez sinalou que se trata “dun autor novo que obra tras obra estase a consolidar como referente das letras galegas deste século XXI” e afirmou que con Diario dun enterro “proseguimos na senda de excelencia narrativa que caracteriza o premio”.

O galardón

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña. Desde 2010, a Fundación Repsol toma a remuda para convocar o premio contando coa colaboración Consellería de Cultura e Turismo, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

O xurado

O xurado desta edición estivo composto por cinco personalidades das letras galegas: Anxos Sumai, gañadora da segunda edición do Premio Repsol pola súa obra Así nacen as baleas; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; Euloxio Rodríguez Ruibal, académico da Real Academia Galega; Berta Dávila, gañadora do Premio Narrativa Breve 2013 pola súa obra O derradeiro libro de Emma Olsen, e Dolores Vilavedra Fernández, profesora de literatura galega na USC.

No seu ditame, o xurado elixiu Diario dun enterro pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. Así mesmo, o xurado destacou “o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes”.

Filólogo, profesor e escritor

Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Autónoma de Barcelona. Actualmente, vive en Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres.

Publicou tres libros de poemas: Crac (Barbantesa, 2011), Celebración (Apiario, 2014), editado en catalán por Godall Edicions e en castelán por La Bella Varsovia, e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018). Gañou, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova Miguel Hernández en 2015 e o Premio de Poesía Afundación 2018. Diario dun enterro é a súa primeira novela.

Outros artigos

Adiadas en Rianxo as Xornadas por un Monte Vivo

Debido á choiva prevista para esta fin de semana en Rianxo, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza decidiu atrasar a celebración das Xornadas por un Monte Vivo ata próximo aviso. As novidades sobre a celebración das Xornadas publicaranse na páxina web do Laboratorio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión