O poder da literatura e o pensamento para enriquecer a realidade centra as novas actividades de Axóuxere

18 Novembro 2019

Di quen escrebe que o outono é boa época para mergullarnos de cabeza na literatura, na filosofía, na poesía e no pensamento crítico. Xa non é que o tempo non axude moito a ter moitas máis afeccións aparte da de escribir e ler, é que entre finais de setembro e decembro a natureza semella poñerse teimuda para lanzarnos en bucle a mesma mensaxe: le, comparte, pensa, conta. O selo editorial Axóuxere e a súa residencia de escritores de Brión (Rianxo) semellan estar especialmente expostos a estes condicionantes.

Froito diso, o programa de actividades de divulgación e formación da editorial vén estes días ateigado de cousas novas. Esta mesma semana, logo dos encontros coa filósofa galega Raquel Ferrández, é a quenda de escoitar o que nos ten deparado o escritor brasileiro Henrique Komatsu, ao que seguirá a escritora libanesa Joelle Saliba.

Para quen non o saiba, Raquel, Hernrique e Joelle son residentes este outono na casa de Brión (Rianxo), ao abeiro do programa de residencias de escritoras/es e pensadoras/es que a Axóuxere organiza xunto coa Deputación da Coruña e máis o Concello de Rianxo.

Respecto das actividades máis inmediatas de Henrique Komatsu, achéganos un obradoiro de literatura, A escrita como forma de resignificar a realidade, entre o sábado 23 e o domingo 24 de novembro, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo e na casa de Axóuxere Editora. Amais, o escritor brasileiro engadirá ao devandito obradoiro a conferencia O ensaio e a resignificación da realidade, o venres 22 de novembro ás 20 horas na Biblioteca.

Segundo informan Axóuxere e o Concello, a participación nos obradoiros é de balde pero faise preciso inscribirse previamente. Para inscribirse hai que enviar un correo a info@axouxerestream.com co asunto “Inscrición ao obradoiro de Henrique Komatsu / Joelle Saliba”, segundo corresponda. Ou ben chamar aos teléfonos 981 860 371 / 634 532 896 / 650 843 761, 21 de novembro para o de Henrique Komatsu e 28 de novembro para o de Joelle Saliba.

Henrique Yuichi Komatsu (Brasil) foi seleccionado este ano para a residencia de Axóuxere por un proxecto de escrita poscontemporánea, na liña de autores como Lydia Davis, Donald Barthelme ou Pierre Bettencourt, que camiña nas marxes do expresábel, transitando a borda na que a linguaxe tenta falar do tecido do real, “con toda a súa imprecisión e borrosidade”, en palabras do comité.

Joelle Saliba

A cabalo entre novembro e decembro, a escritora e pensadora Joelle Saliba dirixirá o obradoiro de literatura Que é o que pasaría se, que servirá para explorar os mundos posíbeis que poden medrar a partir dun ou dous elementos narrativos: as pezas que actuarán como os puntos de intersección entre un incidente que tivo lugar no mundo real do participante (o que é) e un mundo virtual (o que pasaría se) que se actualizará a través da ficción. Este obradoiro desenvolverase os días 30 de novembro (na Biblioteca de Rianxo, pola mañá e pola tarde) e 1 de decembro (só en horario de mañá, na Casa de Axóuxere en Brión).

Previamente, o día 29 na Biblioteca, Saliba ofrecerá a conferencia Do fondo á fronte: como o espazo se converte nun personaxe. Esta actividade realizarase ás 20 horas, na Biblioteca de Rianxo.

Joelle Saliba (Francia/Líbano) foi elixida este ano para habitar a residencia de Axóuxere “polo intento de escribir, desde a distancia e o exilio, a través de fragmentos autobiográficos, sobre o lugar perdido da súa nenez, o suburbio de Karantina, en Beirut, onde tivo lugar unha masacre durante a guerra civil de 1975”. O comité enxalzou o seu “exercicio de escrita que conversa coa memoria histórica”.

Para máis información sobre o programa de actividades de Axóuxere para este outono, a editorial puxo na súa web un PDF con todos os datos explicados polo miúdo, indicando como facermos a inscrición nos seminarios e obradoiros.

Outros artigos

En Rianxo abren as inscricións do Campamento de Teatro Verán 2026

O Concello de Rianxo informou de que están abertas as inscricións para o Campamento de Teatro Verán 2026, que inclúe unha manchea de actividades formativas e de lecer para permitir ás mozas e mozos "desfrutar dun verán diferente" ao tempo que desenvolven e sacan á luz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...