A segunda edición do Festiritititi desenvolverase en Boiro o 3 de decembro para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Unha xornada especial para a Asociación Amicos, colectivo de familias de persoas con discapacidade intelectual, autismo, dano e parálise cerebral. En definitiva, un día para celebrar entre amigos e compartir risas. Ao acto de presentación asistiron Javier Freijo e Gonzalo Díaz, acompañados pola concelleira de Política Social de Boiro, Marisa Collazo; pola directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo; e pola responsable do Centro de Atención Integral Amicos, Pilar Sampedro.
Segundo explicaron, o Festiritititi é un festival de inclusión a través do xogo, onde toda a comunidade está convidada: centros educativos, autoridades, familias… Así, a cita arrancará ás 11.00 horas, desenvolvéndose as súas actividades ata as 13.30 horas. Ademais, ás 11.30 horas procederase á realización dunha actividade especial para recibir ás autoridades.
Nesta edición está confirmada a presencia de máis de 600 escolares dos centros educativos da comarca, así como o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa; a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel; e representantes dos Concellos de Boiro, Ribeira e A Pobra.
Desde a Asociación Amicos agradeceuse a colaboración tanto do Concello de Boiro, coma de Jealsa Rianxeira, unha implicación desde a organización do evento que facilita poder desenvolver todo o programa previsto: zancudos, pompeiros, xogos e un espectáculo de maxia que deixará sorprendidos aos asistentes.
Pola súa parte, Marisa Collazo e Margarita Hermo, expresaron o seu entusiasmo por este festival, convidando a toda a veciñanza a participar.