
A Campaña do Nadal desenvolverase na Pobra coa participación dun total de 57 comercios e establecementos de servizo, os cales estarán engalanados para tal ocasión. Unha cita na que colabora e organiza a Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, o Centro Comercial Aberto O Deán e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos. Así o deron a coñecer esta mañá o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Dinamización Económica, Charo Varela; Manuel Tomé e Primitivo Caramés, presidente e administrativo da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal; e Noelia Hermo, en representación da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos.
A edil Charo Varela manifestou que se trata duna iniciativa “moi importante” porque se repartirán 2.900 euros entre vales de 100 e 300 euros, constituíndo unha campaña “forte” que contribuirá a dinamizar a economía local. Tamén apuntou que se distribuirán diversas urnas nas que os clientes poderán depositar as 90.000 rifas feitas para convidar a unha participación masiva.
Manuel Tomé expresou o seu agradecemento ao Concello pola súa colaboración e destacou que esta proposta está dirixida tanto a comerciantes coma compradores. Neste senso, quixo sinalar “a boa predisposición, o bo acollemento e o bo ritmo que están introducindo os comerciantes para que esta campaña vaia un pouco máis adiante.”
Pola súa parte, Primitivo Caramés detallou as características deste evento. Así, procederase á entrega de 1.000 rifas por comerciante ou establecemento, aportando cada un deles unha cantidade de 50 euros. No que respecta aos clientes, estes recibirán unha rifa por cada compra de 10 euros. A campaña dará comezo o 2 de decembro -ao coincidir o día 1 cun domingo- e finalizará o 5 de xaneiro, ambos inclusive. O Auditorio do Museo Valle-Inclán acollerá o sorteo que se celebrará o 10 de xaneiro, ás 21.30 horas; mentres que a entrega dos premios en vales de compra se oficiará no referido emprazamento o 17 de xaneiro, ás 21.30 horas. Deste xeito, os agraciados disporán ata o 28 de febreiro para gastar os vales. Máis tarde, os locais participantes terán de prazo ata o 30 de marzo para canxear os citados vales. Ademais, Primitivo Caramés desexou sorte aos establecementos, engadindo que o venres 29 se lle fará entrega de toda a documentación sobre a campaña, podendo retirala na propia sede da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, no Centro Comercial Aberto O Deán ou en Publicolor.
Finalmente, o rexedor Xosé Lois Piñeiro explicou que é unha iniciativa da que “o propio sector decidiu que era máis atinado”, agradecendo a colaboración das tres referidas asociacións e dos comercios, os cales traballaron conxuntamente “porque sempre dan moitos máis froitos cando as campañas teñen un respaldo amplo por parte do sector, coma é o caso.”