Inaugurada a nova sede da Policía Local de Rianxo

26 Novembro 2019

Rianxo foi escenario esta mañá da inauguración da nova sede da Policía Local, na céntrica rúa Rosalía de Castro, moi preto da igrexa da Guadalupe. Ao acto asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o rexedor da localidade, Adolfo Muíños; a primeira tenente de alcalde, María del Carmen Figueira; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil na Coruña, Francisco Javier Jambrina; e representantes da corporación municipal rianxeira; entre outros.

Así, percorreron os 201 metros cadrados do inmoble, que acolle as novas e modernas dependencias nas que desenvolverán o seu traballo cotián os policías municipais do Concello de Rianxo. O edificio consta dun andar baixo, que se destinará a atención ao público, e un primeiro piso, restrinxido para o traballo dos axentes, que están comunicados entre si a través de escaleiras e dun ascensor. O traslado a esta nova instalación está programado para o mes de xaneiro de 2020. Ademais, nas paredes colocáronse fotografías que fan unha pequena escolma da historia do corpo da Policía Local desde a súa creación.

No seu discurso inaugural, Valentín González Formoso destacou que o edificio, unha das 1.700 obras financiadas polo Plan Único nos 93 concellos coruñeses, supón “un exemplo máis da utilidade deste plan para mellorar as infraestruturas e os servizos municipais.” Neste senso, manifestou que se cumpre cunha vella demanda da Policía Local e do alcalde de Rianxo, dotando dun equipamento público novo, individual, independente e con tódalas comodidades e modernidades, algo “esencial na vida de calquera municipio.”

Do mesmo xeito, o presidente da Deputación expresou o seu agradecemento á corporación municipal pola colaboración e subliñou que nos últimos catro anos, só a través do Plan Único, a institución provincial leva investido ao redor de 4 millóns de euros en Rianxo.

Pola súa banda, o rexedor Adolfo Muíños, agradeceu a presencia de Valentín Formoso e afirmou que “hai un antes e despois da implantación do Plan Único para os concellos.” Engadiu que “o esforzo da Deputación para dotar de fondos vese en infraestruturas coma esta.” Tamén aproveitou a ocasión para agradecer a asistencia do anterior xefe da Policía Local, quen vén de xubilarse recentemente e “que pelexou para ter unha sede digna.” Adolfo Muíños anunciou que se desenvolverán máis intervencións no municipio que contribúan a dignificar ou axudar ás melloras dos servizos para a cidadanía de Rianxo, lembrando que as obras do arquivo municipal verán a luz ao longo do 2020.

As obras de adaptación do inmoble, financiadas integramente pola Deputación, incluíron a limpeza e revestimento exterior e interior da fachada; a renovación completa da carpintería exterior; a instalación dos sistemas de saneamento, electricidade, fontanería e telecomunicacións; a mellora da accesibilidade coa colocación dun ascensor para conectar as dúas plantas do edificio; a dotación de sistema antiincendios; e o sistema de calefacción que funciona con enerxía solar 100% sostible grazas a dous captadores solares de alto rendemento instalados na cuberta do edificio.

Outros artigos

Rianxo volverá repartir frondosas para as franxas secundarias

O Concello de Rianxo confirmou o impulso dunha segunda edición do Plan de Recuperación de Árbores Frondosas nas franxas secundarias de protección contra os lumes forestais. Segundo confirmou o Goberno de Julián Bustelo, o Concello repartirá de balda plantas de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A nosa e a vosa ruada”. Luís Celeiro

“A nosa e a vosa ruada”. Luís Celeiro

Estaba sentada nunha parede baixiña, diante da porta da casa, no mesmo barrio que vivíasúa tía, na mesma rúa onde vivira súa nai, seu pai e onde viven agora moitos recordos,lembranzas da nenez, da mocidade, das historias que leu e das que lle contaron. Estaba,igual...