A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte vén de presentar a quinta edición da ruta + que tapas. Trátase dun evento gastronómico no que participan establecementos hostaleiros dos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. No acto estiveron presentes o presidente da Mancomunidade e alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños; o concelleiro ribeirense de Relacións Institucionais, Turismo, Promoción e Dinamización Económica, Ramón Doval; o propietario do local boirense A Pousada da Galiza Imaxinaria, Suso Santamaría; Antonio Saborido e Francisco Crussat, bodegueiros de Viños da Terra de Barbanza e Iria, ademais de representantes da Fiestra Audiovisual.
Suso Santamaría, quen se encargou de organizar a ruta de tapas, manifestou que a convocatoria deste ano incorpora novidades. Así, esta edición celebrarase ao longo dunha fin de semana do presente mes en cada concello, comezando en Boiro (8, 9 e 10), continuando en Rianxo (15, 16 e 17), pasando por A Pobra do Caramiñal (22, 23 e 24) e concluíndo en Ribeira (29 e 30 de novembro e 1 de decembro). Suso Santamaría apuntou que esta proposta “axuda a mover un pouco máis os negocios hostaleiros”, precisando que esta convocatoria case cuadriplica o número de participantes respecto ao ano pasado.
Nesta fin de semana, a ruta polo municipio boirense poderá realizarse a partir deste venres, en horario de 20.00 a 23.00 horas, así como o sábado e domingo, desde as 12.00 ata as 14.30 horas. Para a apertura do percorrido na xornada do 8 de novembro, os clientes terán a oportunidade de gañar unha entrada para o concerto de Wyoming & Los Insolventes, o cal terá lugar ese mesmo día, a partir das 23.00 horas, en A Pousada da Galiza Imaxinaria. Os outros dous engadidos desta proposta son a presenza do soumiller Juan Figueroa Treus, natural de Escarabote e residente en Vigo, quen aconsellará aos clientes os viños que poden acompañar con cada petisco; así como o acompañamento de Quico Cadaval polo itinerario hostaleiro contando historias sobre bares. Deste xeito, cada concello contará con diferentes actividades que dinamizarán a ruta.
O prezo da tapa establécese nos 2’50 euros e os establecementos de Boiro que toman parte nesta iniciativa son Puzzle, Ginlab, Casa Magán, Al Atlántica, A Batea de Juan, Kir´s, Barbantia, Tres Catorce e Puerto Victoria. En canto ao resto de municipios, os locais aínda están a tempo de adherirse.
No que respecta aos premios para os establecementos participantes a dinámica cambia respecto a edicións anteriores, pois non só se conta co voto do público, senón tamén de profesionais hostaleiros para escoller a tapa gañadora, sendo elixidos catro locais (un por cada concello). Neste senso, os premiados asistirán ao showcooking do Festival da Luz 2020, en Boimorto, onde poderán elaborar e amosar os petiscos galardoados ante os asistentes.
Así mesmo, o público da ruta pode participar nun sorteo de catro bonos gastronómicos e un concerto exclusivo que terá lugar antes de que finalice este ano.
Ademais, esta edición conta coa colaboración dos bodegueiros de Viños da Terra de Barbanza e Iria, propoñendo maridar os petiscos, que estarán elaborados a base de produto local, cos seus caldos que harmonizan á perfección co peixe e sabores iodados dos mariscos. Tamén haberá cervexa Mahou, polo que toda aquela persoa que acompañe a súa tapa cunha destas bebidas, terá asegurada a invitación a unha segunda consumición.
Francisco Crussat expresou o seu agradecemento por esta iniciativa, xa que “sei o difícil que é vender viño na nosa terra”, vendendo tres veces máis fóra de España que na comarca, polo que aproveitarán estas propostas para dar a coñecer os seus caldos e a viticultura.
Na súa intervención, o edil ribeirense Ramón Doval destacou que a ruta sirve para “poñer en valor os nosos viños, os nosos caldos, que aquí temos presentes, e as tapas que poden presentar os nosos restauradores”, contribuíndo a dinamizar o sector hostaleiro.
Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, salientou o valor engadido que supón a presenza dos bodegueiros desta comarca e o acompañamento de actividades culturais, ademais de puntualizar que “coincide nunha época realmente boa, por exemplo, no caso de Rianxo, que é a vindeira fin de semana, abriuse o Bou de Vara, o que permite que haxa un subministro tamén de zamburiñas ou chopo.”
Por último, o presidente da Mancomunidade e rexedor de Boiro, José Ramón Romero, informou de que o restante de ano estará cargado de citas. Da mesma maneira, anunciou que, co obxectivo de atraer a xente dos arredores, desenvolveranse actos da presentación de produtos nos mercados de abastos de Santiago e Pontevedra porque “son dous polos de turismo consagrados en Galicia e imos estar alí para presentar os nosos produtos e que veñan a visitar a nosa comarca, poñela en valor e estamos cargados de actividades culturais.” En canto a este último aspecto, avanzou que se está traballando nunha páxina web conxunta dos catro municipios de Arousa Norte para reunir as numerosas propostas que ofrecen.