Aprobada a moción do BNG pobrense sobre a revogación do pleno urxente e extraordinario do 1 de outubro

29 Novembro 2019

A Pobra do Caramiñal celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Un dos primeiros puntos a tratar foi o relativo ao creto extraordinario 03/2019, o cal finalmente foi retirado da orde do día por unanimidade despois de que os grupos municipais do PP e BNG así o requirisen, polo que se terá que debater noutra sesión. O voceiro popular Manuel Durán expuxo que “hai información que non se nos aportou aínda” e que a precisaban para poder tomar unha postura ao respecto, ademais de que carecían de datos e os que tiñan xerábanlle dúbidas. Pola súa parte, a portavoz nacionalista Amparo Cerecedo manifestou que “para nós, tal e como vén ao pleno, supón unha afronta para toda a oposición”, engadindo que estaban de acordo en incrementar o patrimonio “pero non desta maneira.”

A continuación, abordouse unha das cuestións que marcou a sesión plenaria. O BNG presentou unha moción relativa á revogación do pleno urxente e extraordinario do 1 de outubro, ao que Amparo Cerecedo se referiu como “o pleno da vergoña.” A voceira do Bloque precisou que “unha maioría accidental non xustifica os acordos que alí se tomaron”, facendo referencia así a que non había representación da formación nacionalista despois de que Ramiro Ouviña e Cristina Andrade renunciasen á súa acta de concelleiros, atopándose o partido inmerso nun proceso burocrático para a toma de posesión dos novos edís.

Pola súa banda, a portavoz socialista Patricia Lojo incidiu en que “o noso compromiso foi coas persoas do noso pobo” para formar parte da solución e non do problema. Tamén sinalou que o PSdeG-PSOE e Nós Pobra non estaban bloqueando o goberno e cualificou a dedicación exclusiva para a Concellería de Servizos Sociais, Servizos Municipais e Benestar Animal de “moi importante e moi necesaria.” Neste senso, apelou á coherencia, pois “non se está pedindo nada que non sexa xusto.” Así mesmo, agregou que “sexan valentes e presenten unha moción de censura, pero facédeo á cara.”

O voceiro popular Manuel Durán manifestou que o referido pleno, si ben era legal, “non era ético, non era democrático” puntualizando que non estaba representada toda a veciñanza ao faltar un grupo municipal, polo que describiu o sucedido como “moi grave, inxustificable e antidemocrático.”

Mentres tanto, Charo Varela, de Nós Pobra, referíndose á secretaría da Alcaldía, salientou que era importante ter unha persoa implicada coa política do concello, de confianza e con moitas horas de dedicación. En canto á dedicación exclusiva, precisou que a Concellería de Servizos Sociais, Servizos Municipais e Benestar Animal supón moito traballo. Deste xeito, sostivo que “ímolo defender sempre.” Ademais, destacou que “non estamos aquí para traballar para Nós Pobra, senón para o Concello de Pobra” e lembrou que “sempre quixemos chegar a acordos co BNG.” Ao rematar de debater o punto, preguntou ao secretario do Concello pola validez do acordo, recibindo por resposta que “é competencia da Alcaldía a proposta e a modificación tanto do establecemento do número de persoal eventual, dedicacións exclusivas e a proposta do soldo.”

Finalmente, a moción saíu adiante cos votos a favor do BNG e PP, a pesar dos votos en contra de Nós Pobra e PSdeG-PSOE.

Outras cuestións que se levaron a sesión plenaria foron dúas mocións máis do BNG: unha relativa á incorporación de diversos proxectos no Plan Único da Deputación da Coruña para o ano 2020 e outra relativa á situación da Policía Local. Ambos puntos foron aprobados cos votos favorables do BNG e PP, exceptuando Nós Pobra e PSdeG-PSOE que votaron en contra.

Pola súa parte, os populares presentaron unha moción relativa á situación da Escola Unitaria de Campo-Angustia, saíndo adiante cos votos a favor do PP e BNG, agás os votos en contra de Nós Pobra e PSdeG-PSOE. No que respecta á moción que levou o PP sobre o apoio ao sector mar-industria alimentaria da comarca fronte ao proxecto de reforma de lexislación de Costas, non foi aprobado ao contar unicamente cos votos favorables dos populares, e o voto en contra do resto de grupos municipais.

Por último, o executivo municipal presentou unha moción de urxencia sobre distintas modificacións de proxectos. A cuestión saíu adiante cos votos a favor de Nós Pobra e PSdeG-PSOE, absténdose PP e BNG.

Outros artigos

A praia de Cabío converteuse nunha aula ambiental

A praia coñecida como Cabío acolleu este venres 10 de xullo unha actividade ambiental organizada polo Concello da Pobra do Caramiñal dentro da programación vinculada á Bandeira Azul deste areal. Desenvolvida pola asociación de educación ambiental Amabul, a Xincana...

+

A pobrense Raquel Sendón toma posesión como decana de Farmacia

Raquel Sendón toma posesión como decana de Farmacia co propósito de “seguir contribuíndo ao progreso e o coidado da sociedade” A nova decana asume o cargo nun momento clave, marcado polo inicio das obras do novo edificio do centro e as vésperas do seu 170º...

+

A Parranda La Aldea visita a Pobra do Caramiñal

A Pobra do Caramiñal recibiu na mañá deste xoves 9 de xullo a visita dos integrantes da Parranda La Aldea, procedentes da Aldea de San Nicolás (Gran Canaria), formación participante no XIII Encontro de Música e Baile Tradicional. A delegación foi recibida na Casa do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.